Pestanas principais

Ames ten lembranza, o BNG celebra un acto público de memoria democrática

Martes, 13 de outubro de 2026

O BNG de Ames, promove unha xornada para achegármonos á memoria democrática desde o noso propio territorio: coñecer as pegadas que permanecen en Ames, recuperar as historias que durante demasiado tempo quedaron silenciadas e reflexionar sobre a responsabilidade das institucións públicas na súa conservación e transmisión. A iniciativa terá lugar  o xoves 15 de outubro ás 20:00H no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Lembrar non é motivo de ofensa para ninguén, pero si un merecido desagravio para quen padeceu inxustiza.

A actividade contará coa presenza de Carlos Babío, investigador , escritor e presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña;  Sol Agra, deputada provincial de dereitos civís e a voceira do BNG de Ames, Escarlata Pampín. 

Será un percorrido pola memoria que permanece no concello de Ames: os Homiños de Boimorto, as fontes e lugares que aínda conservan pegadas da nosa historia e os debates que seguen abertos sobre os referentes que escollemos para os nosos espazos públicos, como a denominación do novo colexio do Milladoiro. 

Neste reencontro coa lembranza recuperarase a pegada do movemento memorialista na investigación da represión, na recuperación das vítimas e das súas historias,  na procura das fosas, na defensa do patrimonio e na reivindicación da reparación.  Unha ollada ao camiño percorrido, pero tamén a todo o que aínda queda por recuperar,investigar e dignificar.

O papel das administracións na investigación, a recuperación e transmisión da memoria e as  iniciativas para achegar esta memoria ás novas xeracións, serán tamén rememorados nesta xornada.

 A xuntanza estará aberta á participación de toda a cidadanía nunha conversa  arredor dos retos da memoria democrática no concello de Ames. Abordaranse cuestións como a identificación e posta en valor dos lugares de memoria, a investigación histórica, a sinalización, a recuperación da memoria oral, a denominación dos espazos públicos e as posibles iniciativas para impulsar unha política municipal de memoria democrática.

Ames ten lembranza, o BNG celebra un acto público de memoria democrática