Pestanas principais

Ames supera os 25,9 millóns de euros de investimento en obras durante o mandato

Domingo, 04 de outubro de 2026

O Concello de Ames supera os 25,9 millóns de euros de investimento en obras durante o actual mandato, tras sumar aos 15.468.151,66 euros correspondentes ás 68 actuacións licitadas durante o período 2023-2026 outros 10.466.512,07 euros, IVE incluído, destinados á construción do novo complexo deportivo do Milladoiro e ás melloras do centro deportivo da Telleira, en Bertamiráns.

Deste xeito, o investimento total ascende a 25.934.663,73 euros, unha cifra que abrangue actuacións de pavimentación e mobilidade, saneamento e abastecemento, equipamentos municipais, cultura, deporte, eficiencia enerxética e mellora de espazos públicos, entre outras. O alcalde de Ames, Blas García, salienta que “estas cifras demostran que este é un goberno que está a transformar Ames con investimento real, atendendo tanto as necesidades dos núcleos urbanos como as das parroquias e núcleos rurais”.

“Falamos de case 26 millóns de euros en obras e infraestruturas para mellorar a mobilidade, os servizos básicos, os equipamentos municipais, os espazos deportivos e culturais e, en definitiva, a calidade de vida da veciñanza”, engade.

Máis de 8,7 millóns de euros para O Milladoiro e Bertamiráns
Dos 15,46 millóns de euros correspondentes ás obras xa licitadas, 8.750.495,54 euros corresponden a actuacións localizadas en O Milladoiro e Bertamiráns, os dous principais núcleos urbanos do concello. Entre estas actuacións atópanse importantes investimentos en pavimentación e mobilidade, eficiencia enerxética, ampliación e mellora de equipamentos municipais, actuacións deportivas e culturais e novas infraestruturas.

No caso de O Milladoiro, destacan actuacións como a ampliación da Casa da Cultura, as obras de terminación do Centro Multifuncional, de Ocio, Cultura e Promoción Económica, diferentes actuacións de pavimentación e mobilidade e obras de mellora das infraestruturas do núcleo. En Bertamiráns, o investimento inclúe actuacións como a construción de beirarrúas na avenida da Maía, diferentes obras de pavimentación e mobilidade, así como novos equipamentos municipais.

A estas actuacións súmanse agora 10.466.512,07 euros, IVE incluído, destinados ao novo complexo deportivo do Milladoiro e ás melloras previstas no centro deportivo da Telleira, en Bertamiráns. O novo complexo deportivo permitirá dotar O Milladoiro dunha nova infraestrutura deportiva de referencia, mentres que a actuación na Telleira permitirá modernizar e mellorar un equipamento fundamental para Bertamiráns e para o conxunto do municipio.

Máis de 6,7 millóns de euros para o rural
O investimento non se concentra unicamente nos núcleos urbanos. O balance municipal recolle 6.717.656,12 euros en actuacións no rural, unha cifra que evidencia o peso das parroquias na planificación das obras municipais. Durante o mandato executáronse ou puxéronse en marcha obras de pavimentación, mellora de camiños, seguridade viaria, saneamento, abastecemento e acondicionamento de espazos en numerosos núcleos de Ames.

Entre as actuacións figuran obras en Caroubáns, O Lombao, Agrón, Covas, Framil, Gasamáns, Pedras, Cortegada, Eirapedriña, Galiñeiro, Mourigade, Loureiros, O Prumariño, Coira, Seárez de Abaixo, Casanova, Biduído de Arriba, Castro de Ortoño, Ventín, Vilaverde, Piñeiro e Leboráns, entre outros puntos do municipio: "Queremos un Ames equilibrado, no que o crecemento dos grandes núcleos vaia acompañado de investimentos nas parroquias. Os máis de 6,7 millóns de euros destinados ao rural son unha mostra clara desa aposta”, sinala o alcalde.

Pavimentación, mobilidade e seguridade viaria, entre as principais prioridades
Unha parte importante do investimento destinouse á mellora dos viarios, pavimentación, mobilidade e seguridade viaria, con actuacións tanto en O Milladoiro e Bertamiráns como nos núcleos rurais. O listado municipal inclúe decenas de intervencións para mellorar estradas, rúas e camiños, así como actuacións destinadas a facilitar os desprazamentos peonís e incrementar a seguridade viaria.

A estas actuacións súmanse os investimentos realizados en saneamento, abastecemento e drenaxe, así como diferentes intervencións de eficiencia enerxética en edificios e instalacións municipais.

Un mandato de transformación dos equipamentos municipais
O investimento realizado durante o mandato tamén permitiu avanzar na mellora e ampliación dos equipamentos municipais. Neste apartado destacan a ampliación da Casa da Cultura do Milladoiro, as actuacións no Centro Multifuncional, de Ocio, Cultura e Promoción Económica, as melloras nos pavillóns polideportivos, a Escola de Música de Aldea Nova, o equipamento do campo de lanzamento de Ventín ou a nova cociña central e locais auxiliares, entre outras actuacións recollidas no balance: “Estamos facendo un esforzo inversor importante para que Ames conte cos equipamentos e servizos que precisa. E este esforzo non remata aquí: seguimos incorporando novos proxectos que van transformar o municipio nos próximos anos”, apunta Blas García.

Máis de 10,4 millóns para reforzar a oferta deportiva
Os novos proxectos deportivos incorporados ao investimento supoñen 10.466.512,07 euros, IVE incluído, segundo os importes dos anteproxectos aprobados. En concreto, o novo complexo deportivo do Milladoiro conta cun importe de 8.818.001,70 euros, IVE incluído, resultado dos 7.288.431,15 euros sen IVE previstos para a súa construción. Pola súa banda, as melloras do centro deportivo da Telleira, en Bertamiráns, supoñen 1.648.510,37 euros, IVE incluído, correspondentes aos 1.361.578,33 euros sen IVE previstos para esta actuación. En total, estas dúas actuacións deportivas representan 10.466.512,07 euros de investimento con IVE.

Coa súa incorporación, o investimento total en obras durante o mandato ascende a 25.934.663,73 euros, sumando os 15.468.151,66 euros das 68 obras xa licitadas e os 10.466.512,07 euros das novas actuacións deportivas. Trátase dun investimento que abrangue o conxunto do territorio municipal e que combina a mellora dos servizos e infraestruturas existentes coa creación de novos equipamentos para responder ás necesidades actuais e futuras de Ames.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El Concello de Ames rozará los 26 millones de inversión durante este mandato"

El Correo Gallego: "Ames licitou no que vai de lexislatura 70 obras por 26 millóns de euros"

Multifuncional