[24-04-2011] Ames rexistrou ao longo do ano pasado un total de 40 unións civís. O Pazo da Peregrina foi o escenario predilecto das parellas que decidiron dar este paso adiante na súa relación. Con esta cifra, o Concello de Ames supera a súa media de 35 vodas por ano rexistrada ao longo de 2008 e 2009. Como de costume a época predilecta para celebrar estas unións é o verán e o Concello de Ames segue sendo o escenario que moitas parellas elixen para darse o "si quero". O propio alcalde, Carlos Fernández, oficiou moitos destes casamentos.
O 2010 deixou corenta novos casamentos polo civil en Ames. Corenta parellas elixiron o noso concello para darse o "si, quero", unha cifra que supera ás de anos anteriores e que sen dúbida ten moito que ver co gran número de xente moza que vive en Ames, un municipio onde a idade media se sitúa entre os 36 e os 37 anos. A pesar de que moita xente pense hoxe en día que casar é algo anticuado, o certo é que os datos falan por si sós. Actualmente, Ames lidera o número de vodas que se celebran na comarca.
O grande número de casamentos do ano pasado foi superior á media que rexistrou o Concello en anos anteriores. Así, en 2008 e 2009 rexistráranse unha media de 35 casamentos por ano. Como ven sendo habitual, moitas parellas escollen datas no verán para o seu casamento. Parece que eses meses seguen a ser os máis propicios para as vodas. Porén, e malia ser agosto o mes por excelencia do verán, moitas parellas optaron por xullo, con seis vodas, e xuño, con cinco. A calor é un dos factores que levan ás parellas a escoller estas datas, tendo en conta que moitas das noivas casan co tradicional traxe de vodas.
Nas unións civís do Concello destaca un escenario elixido por moitas parellas para un día tan especial debido á súa beleza e ao contorno que ofrece para a voda. Trátase do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Este emblemático edificio acolleu varios enlaces ao longo do ano, nun marco incomparábel e seguramente inmellorábel para un día tan especial. O edificio, que é propiedade do Concello, é un conxunto arquitectónico encadrado nun gran espazo axardinado que goza dun encanto innegábel que non pasa desapercibido para moitas das parellas que deciden casar.
As vodas civís en Ames son oficiadas por algún membro da corporación ou por un xuíz dun xulgado de paz. Ademais dos concelleiros, moitas veces é o propio alcalde, Carlos Fernández, quen oficia a unión. Moitas parellas solicitan expresamente que sexa o alcalde quen as case. Carlos Fernández sempre se mostra disposto, xa que lle encanta oficiar este tipo de cerimonias e ser testemuño da sinatura dun compromiso entre dúas persoas, algo que define como "emocionante".
No que vai de ano tan só se oficiaron tres vodas civís, pero ao achegarse os meses estivais este número vai incrementarse xa que para a última semana de abril e para o mes de maio xa están previstas sete vodas máis. Isto reflicte ben as claras que as parellas elixen os meses de primavera e de verán para realizar o seu casamento. O que está claro é que Ames, e en concreto o Pazo da Peregrina, é un dos lugares elixidos con maior frecuencia para contraer en matrimonio.




