Pestanas principais

Ames supera con éxito as dificultades económicas derivadas da crise

Domingo, 27 de marzo de 2011

[27-03-2011] O alcalde de Ames, Carlos Fernández, e a concelleira de Economía e Facenda, Patricia Conde, compareceron este sábado ante os medios de comunicación para facer balance da situación económica do Concello. A pretensión, nas palabras do rexedor municipal, non era outra que "dar a maior claridade e transparencia e que a xente coñeza a nosa realidade. Non queremos que se cree alarma entre a cidadanía con afirmacións que falan de endebedamento ou bancarrota". Para iso, Carlos Fernández e Patricia Conde fixeron unha detallada exposición da situación económica do Concello, estraendo a conclusión de que neste últimos anos se superaron as dificultades derivadas da crise. Porque no Concello de Ames mantéñense e consolídanse os servizos fronte aos recortes aplicados por outras administracións; executáronse novos proxectos e investimentos; houbo unha importante mellora na xestión dos ingresos; acudiuse ao crédito bancario nas contías estrictamente necesarios; e redúcese o prazo de pago aos provedores logo dun difícil e longo proceso. Tanto o alcalde de Ames como a concelleira de Economía incidiron nos pasos que se deron para chegar a esta situación.

Patricia Conde calificou de clave no proceso a reestructuración levada a cabo nos servizos económicos, que comezaba polo mes de maio do ano 2009, coa incorporación do posto de tesourería. No mes de xullo do mesmo ano había unha nova titular da intervención municipal. Ademais, a reestructuración veuse tamén condicionada polo desdobramento das oficinas de contratación e intervención, a contratación de persoal administrativo e o cambio horario na atención ao público. Froito destas medidas, por exemplo, é a posta ao día na rendición das contas, xa que desde mediados de 2009 se renderon as contas de 2006, 2007, 2008 e 2009.

Outro dos elementos clave nos últimos anos foi a importante mellora na xestión dos ingresos, tanto os de financiación propia como allea. No primeiro dos casos, produciuse unha mellora na recadación voluntaria, na executiva, na xestión catastral -con traballos en 1725 unidades urbanas- e avances na administración electrónica, coa posta en marcha da Oficina Virtual Tributaria. Ademias, houbo un segundo pilar fundamental, como foi a mellora na inspección. O primeiro e moi ambicioso plan de inspección do ano 2009 contou cunha recadación de 1.173.941,66 euros. O plan de 2010 contempla unha recadación de 147.814,56 euros, con 538 actuacións en total e con xa 50 resolucións, se ben non é unha cifra definitiva. Ademais, houbo unha mellora na xestión dos ingresos derivados da financiación allea, como na participación nos Tributos do Estado e tamén no Fondo de Cooperación Local das Comunidades. No primeiro dos casos, por exemplo, houbo un incremento con respecto ao ano 2010 de 641.144,89 euros.

A planificación e administración racional dos fondos foi outra das causas que confirman a mellora económica do Concello. Ademais da planificación anual, existe unha mensual e moi racional dos ingresos do Estado (3.919.116,82 euros), das Comunidades Autónomas (811.089 euros), ingresos propios, atendendo ao calendario do contribuínte (15.669.956,89 euros), e plans de inspección. Consecuencia destas medidas, redúcese o prazo de pago a provedores. No que vai de ano, por exemplo, xa se fixeron pagos a pequenos e medianos procedores por valor de 3.229.100,40 euros, nóminas aparte. Neste senso, as operacións de tesourería xogan un papel moi importante. Operacións coas que, en palabras de Patricia Conde, se "pretende dispoñer de diñeiro como póliza de crédito para atender eses pagos". O alcalde de Ames, Carlos Fernández, tamén quixo deixar claro que "esto non eleva o índice de endebedamento do Concello e nos garantiza ter liquidez para evitar o pico de tesourería con esta especie de anticipo".

Débeda

Outro dos obxectivos plantexados polo goberno neste últimos anos foi o de acudir ao crédito bancario nas contías estrictamente necesarias. Así, nos últimos anos executáronse novos proxectos en base a 117 procesos de licitación pública por máis de 14.342.809,8 euros. Optouse por catro fórmulas para a financiación dos proxectos de inversión, como son a venda de solo, axudas doutras administracións, fondos propios e endebedamento. Así, a solvencia do Concello permitiu financiar importantes proxectos con fondos propios como o Local Social de Agrón (241.570 euros) ou o Comedor de Ventín (540.160 euros) Chegados a este punto, tanto o rexedor municipal como a edila de Economía e Facenda quixeron explicar cal é a débeda bancaria real do Concello, producto da débeda viva herdada do anterior goberno do Partido Popular e a débeda viva concertada no 2010.

En canto a débeda herdada, está pendente de amortizar unha cantidade de 971.278,63 euros, sendo a cantidade pendente de amortizar da débeda concertada do 2010 de 4.255.504,45 euros. Así, o total da débeda viva real é de 5.226.783,08 euros, cun nivel de endebedamento actual do 27,54%. En función da lexislación actual establécese un límite de endabedamento dos Concellos do 75%, polo que Ames está moi lonxe dese límite. De feito, na evolución da débeda viva alcanzáronse valores do 52%, por exemplo, no ano 2003. O alcalde de Ames matizou que "ademais de concertar moi pouca débeda, amortizamos 3.050.120 euros de préstamos herdados, unha cousa que forma parte da dinámica política". En porcentaxe, esa cantidade supón un 75.85%. Ademais, desde o ano 2003 ata hoxe reduciuse a débeda viva por habitante, pasando de 201,38 euros a 180,51. Así, o Concello poderá endebedarse en caso de necesitalo, dado que se atopa lonxe do límite legal, a diferencia doutros concellos.

O goberno actual conseguiu executar novos proxectos e investimentos acudindo ao crédito bancario moderadamente. Así, o 29,7% das inversións se financiaron con esta fórmula e o 70,3% restante con fondos propios. O rexedor local engadiu, na comparecencia antes os medios, que "coñezo a realidade económica de prácticamente a totalidade de concellos galegos e, cando outros alcaldes ven a realidade que temos en Ames, senten envexa. Sinceramente, ninguén que coñeza esta situación pode dicir que esteamos nunha situación crítica, alarmante ou de bancarrota".

Por último, o Concello de Ames conseguiu superar con éxito as dificultades económicas dos últimos tempos coas aportacións extraordinarias procedentes do Plan E e doutras administracións. O Plan E supuxo 3.978.017,44 euros para as arcas municipais en 2009. O ano pasado, en 2010, os fondos distribuíronse a Gasto Corrente (559.342 euros) e a Inversión (2.231.774 euros). O papel xogado pola Deputación tamén foi fundamental, coa aportación de 400.000 euros do Plan Anticrise e 500.000 euros dos Plans de Obras e Servizos.

A través destas medidas, o grupo de goberno conseguiu nos últimos anos manter e consolidar os servizos e executar novos proxectos. No primeiro dos casos, o total do gasto corrente ascende a 19.819.307,27 euros, o 68% do orzamento anual. O gasto social por habitante paso de 108 en 2003 a 373 en 2011, un dato que se explica polo crecemento poboacional e polos servizos implantados nos últimos anos, como o Bos Días Cole, Rede de Comedores Escolares, Tardes Divertidas, Lúdicos, Escolas de Verán, Escolas Deportivas, Obradoiros Culturais, Amessan, servizos básicos, de axuda a domicilio, Transporte Adaptado, dúas Escolas Infantís, Actividades de formación ou a Escola Municipal de Música.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames destina a conciliación y servicios 337 euros por habitante"
El Correo Gallego: "Triunfalismo en Ames, que sitúa la deuda en un 27,54 %"