Pestanas principais

Ames súmase hoxe á conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano

Venres, 08 de abril de 2016

[08-04-2016] Cada 8 de abril celébrase o Día Internacional do Pobo Xitano. O Concello de Ames aporta un grao de area sumándose á difusión do material creado pola Fundación Secretariado Xitano. Creado para concienciar o respecto e a aceptación do pobo nunha sociedade na que pervive o racismo e sentimento de desprezo, baixo o lema "Telebasura no es realidad", a campaña deste ano quere derrubar os estereotipos creados polas canles de televisión en torno ao pobo xitano. O escritor Manolo Rivas aporta a esta iniciativa un manifesto.

Ao vídeo pódese acceder premendo na seguinte ligazón: https://youtu.be/J2FRWcT9jiI . Varios nenos e nenas xitanos lémbranlle ao espectador a campaña desenvolta no ano 2015 por esta mesma data, na que se lle pedía á RAE que mudase a definición de xitano do dicionario. Afirma un neno: "Porque ahora sabemos que lo del diccionario molesta bastante". E engade o segundo: "Pero lo de la televisión es mucho peor". Na campaña, non só pequenos e pequenas, senón tamén xente nova e persoas adultas dinse non sentirse identificados cando ven a forma na que as canles de televisión retratan ao pobo xitano. Laméntanse de que só cando unha persoa xitana comete un delito, ou cando se quere vivir o seu modo nun formato de realitie televisivo, as vidas das persoas xitanas saltan á pantalla. E, como lamenta un dos homes no vídeo: "Así no nos van a conocer nunca".

Manolo Rivas suma nun manifesto as súas verbas a esta petición. O escritor escribe que é "inaceptable que se presente como normalidade un decorado de cartón-pedra, que se lle chame realidade a unha pantalla virtual, se o que hai detrás, cando cae o decorado e apagamos a pantalla, é a inclemencia". O vídeo, o manifesto e información acerca da labor e loita da Fundación Secretariado Xitano pódense atopar nesta ligazón: http://www.gitanos.org/8deabril/ e en https://www.gitanos.org/.