Pestanas principais

Ames solicita unha subvención para soterrar a instalación eléctrica no núcleo de A Garea

Luns, 16 de xullo de 2012

[16-07-2012] O Concello de Ames vén de solicitarlle á Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia unha subvención para o soterramento da instalación de distribución de enerxía eléctrica no núcleo de A Garea, na parroquia amiense de Agrón. Esta actuación, que conta cun orzamento estimado de 23.204 euros, permitiría poñer en funcionamento o bombeo da Garea.

Na actualidade, o núcleo de A Garea conta cunha liña de distribución de baixa tensión aérea, con diversos apoios como postes de formigón, postes de madeira e palometas para apoio nas fachadas. O tendido da liña está situado ao longo da vía que atravesa este núcleo rural, e que ten un ancho inferior aos tres metros. Trátase dunha vía moi estreita, que se ve aínda máis diminuída pola ocupación dos postes eléctricos, dos de telecomunicacións e de iluminación.

Para facilitar o paso de vehículos polo lugar e para mellorar o entorno paisaxístico, o Concello de Ames considerou o soterramento desta liña de baixa tensión, acadando un acordo coa empresa distribuidora. Como parte do esforzo para mellorar as condicións viarias e paisaxísticas e o entorno do núcleo rural, comprométese a aproveitar estas obras e a gabia a realizar para soterrar as liñas de iluminación pública e telefonía.

Este tipo de actuacións supoñen unha serie de beneficios de orde social, como é a eliminación do impacto paisaxístico, unha maior calidade de vida, mellora das súas características técnicas e, como consecuencia, unha mellora da calidade da subministración eléctrica.