[17-12-2014] Ames celebra este venres as comisións informativas previas ao pleno ordinario de decembro, ás 13:00 e 13:30 horas. Nelas abordarase a solicitude de reversión de parcela que fora cedida á Xunta para a construción do parque comarcal de bombeiros no Milladoiro e a adhesión á Central de Contratación da Deputación Provincial da Coruña.
No pleno de outubro de 2008, o Concello de Ames aprobou a cesión gratuíta á Dirección Xeral de Protección Civil da Xunta de Galicia unha parcela duns 4.669’39 metros. O terreo, coñecido como “Galdrachán”, iría destinado á construción do parque comarcal de bombeiros no Milladoiro. Xa que na actualidade dito parque non foi construído, o alcalde de Ames, Santiago Amor, propón someter á consideración da corporación municipal a reversión da citada parcela. Posto que xa transcorreron cinco anos dende a cesión, pode considerarse resolta por maioría simple dos membros presentes.
Por outra parte, nas comisións informativas deste venres, o Concello de Ames proporá a adhesión á Central de Contratación da Deputación Provincial da Coruña. Esta ferramenta creouse para facilitarlle aos concellos adheridos unhas condicións económicas máis vantaxosas ao tempo que se simplifica a tramitación administrativa na adquisición de bens e servizos de utilidade para o ente local.
Coa inclusión neste convenio provincial, o Concello de Ames pretende contribuír dun xeito decisivo a incrementar a eficacia da actividade administrativa e reducir o gasto público. A proposta implementa o plan de contratación administrativo que se puxo en funcionamento na actual lexislatura e que ten como obxectivo a regularización de contratos e a planificación da contratación municipal.




