[23-07-2016] O Concello de Ames vén de presentar unha proposta de solicitude para optar ás axudas que sacou a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, para a realización de obras que teñan por destino un uso ou servizo público encadrado dentro dalgún dos tres programas que se encadran dentro do Plan Hurbe. A través deste plan preténdese realizar melloras nos centros socioculturais de Augapesada e Agrón; humanizar as rúas do Milladoiro e Bertamiráns; e urbanizar e mellorar os espazos públicos da contorna da Travesía do Porto, do rego que está entre a rúa Ameneiral e o aparcamento da rúa Pesqueiras, así como do acceso oeste á variante Galanas-Pardiñas.
O Concello de Ames acolleuse a convocatoria de subvencións recentemente publicada pola Xunta de Galicia para tratar de mellorar as súas infraestrutura e adaptalas á normativa vixente sobre accesibilidade. Hai uns meses a Xunta presentou o Plan Hurbe 2014-2017, que continúa a senda iniciada polo Plan Hurbe 2010-2013 e trata de articular unha estratexia de posta en valor das vilas, tanto as grandes como as pequenas, e dos núcleos rurais, que permita crear as condicións propicias para o seu desenvolvemento sustentable, sen prexuízo de actuacións puntuais nas cidades, que se encadren nos obxectivos fixados neste plan.
Seguindo esta liña de actuación o goberno municipal de Ames presentou varios proxectos á convocatoria de subvencións publicada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para desenvolver tres programas: mellora de equipamentos públicos; humanización de rúas; urbanización e mellora de espazos públicos. Dentro do apartado de mellora de equipamentos públicos o Concello de Ames pretende mellorar as condicións de accesibilidade dos centros socioculturais de Agrón e de Augapesada. Para iso preténdense realizar obras nos entorno de acceso a dito local (comprobar que non haxa obstáculos, substitución do pavimento existente na entrada do local e ensanchar a beirarrúa existente), habilitar prazas de estacionamento para usuarios/as con algún tipo de discapacidade e colocar paneis de sinalización da porta de entrada do edificio. Estas obras terían un custo aproximado de 27.915,43 euros.
Ademais, contémplanse obras para mellora a accesibilidade no cetro sociocultural de Augapesada. Neste caso tamén haberá que facer actuacións no entorno de dito local social (hai que liberar obstáculos que impiden o paso polas beirarrúas e rebaixar os bordillos das beirarrúas que están xunto aos pasos de peóns), habilitar prazas de estacionamento próximas ao local, adaptar os ocos das portas que son máis reducidos do debido e construír un aseo para persoas con mobilidade reducida. Estes traballos están presupostados en 99.571,59 euros.
Programa de humanización de rúas
O Concello de Ames dispón dun plan municipal de accesibilidade que recolle varias actuacións para humanizar as rúas dos seus principais núcleos urbanos: Bertamiráns e O Milladoiro. O obxectivo deste plan é eliminar as barreiras e os obstáculos existentes, así como solucionar as deficiencias detectadas.
En Bertamiráns preténdese actuar en seis rúas ou avenidas. Nas avenidas da Maía e da Peregrina os vaos peonís construídos non están correctamente enrasados coa calzada nin presentan un pavimento diferenciado respecto ao do entorno, polo que haberá que corrixir estas deficiencias. A rúa do Bosque presenta unha pendente do 10% no seu último tramo, o que provoca que resulte inaccesible para persoas con mobilidade reducida. Ademais, nesta mesma rúa habería que solucionar os vaos que tampouco están enrasados co calzada.
Seguindo en Bertamiráns, na rúa do Muíño, que discorre entre edificacións de carácter rural, habería que habilitar unha zona de transito peonil e para cadeiras de rodas. Na rúa Lodeiro é preciso anchear as beirarrúas xa que teñen unha anchura dun metro, claramente insuficiente para as persoas que teñen que pasar por este lugar cunha cadeira de rodas. Na rúa Entrerríos considerase necesario arranxar algúns dos vaos peonís existentes que non están correctamente executados.
Por outra banda, no Milladoiro habería que actuar en cinco rúas. Na avenida de Rosalía de Castro habería que construír algún vao peonil a maiores dos que existen na actualidade e empregar un pavimento diferente para persoas con mobilidade reducida. Na rúa de Anxeriz hai que construír correctamente os vaos peonís que existen xa que teñen unha pendente excesiva, non están correctamente enrasados e non dispoñen do pavimento diferenciado na maioría dos casos. Na rúa Costa Grande apreciase que no seu último tramo existe unha pendente do 10%, o que dificulta a accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida. Nesta mesma rúa existen vaos peonís nos extremos dos pasos de peóns, pero non están correctamente executados no que se refire ao seu enrase coa calzada, pendente e pavimento.
Tamén no Milladoiro, na rúa de Abaixo, os vaos peonís dispoñen dunha anchura insuficiente e non dispoñen dun pavimento diferenciado. Por último, na rúa das Palmeiras do polígono Novo Milladoiro obsérvase que as beirarrúas están continuamente ocupadas por vehículos e por contedores de mercancía. Ademais, estas beirarrúas dispoñen dun firme que é moi deslizante cando se molla e os pasos de peóns existentes non dispoñen de vaos peonís nos seus extremos. Estas actuacións de mellora da accesibilidade nas rúas de Bertamiráns e do Milladoiro teñen un custo aproximado de 200.000 euros (100.000 por localidade).
Programa de urbanización e mellora de espazos públicos
Dentro deste apartado o Concello de Ames contempla tres actuacións. A primeira delas é o proxecto de construción e urbanización da beirarrúa oeste da Travesía do Porto e acceso ao parque público e ao IES do Milladoiro (treito rúa do Buxo - aparcadoiro do centro de saúde). Esta actuación ten por obxecto executar unha gran beirarrúa que conecte os aparcamentos da Casa da Cultura e da Travesía do Porto, que está situado en fronte á EEI Milladoiro. Estes dous aparcamentos dedicaranse tamén a zonas de estacionamento para o futuro novo centro de saúde desta localidade. Ademais, a beirarrúa conectará estas zonas co instituto, co parque infantil accesible e co parque biosaudable, que estarán situados na contorna do pavillón e da piscina municipal. Tamén está previsto derribar o muro existente (que está ao carón das pistas polideportivas) e abrir a zona verde do entorno do IES ao Milladoiro, cunha rampla de acceso e unhas escaleiras a moda de gradaría para a mocidade. Este proxecto de urbanización, que recolle outras actuacións, tería un custo de 436.782,18 euros.
O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “o obxectivo do goberno municipal é urbanizar esta zona. Estamos traballando para ordenar esta área deportiva do Milladoiro co obxectivo de converter este lugar nunha zona de ocio e lecer para todos os veciñas e veciñas do Milladoiro. Ademais do parque infantil accesible, gustaríanos instalar nesta área diferentes elementos biosaudables, para poder concentrar nesta zona a nenos/as, pais/nais e aos avós e avoas. Está claro que O Milladoiro necesita unha zona de esparexemento que é gran reclamación que nos fan os seus veciños”.
Outro dos proxectos é o remate da rúa Ameneiral co aparcamento da rúa Pesqueiras, máis coñecido como aparcamento do Carrefour. A través desta actuación preténdese rematar de cubrir o oco do rego que está situado entre a rúa Ameneiral e o aparcamento da rúa Pesqueiras. Esta obra dispón dun presuposto de 30.000 euros.
O terceiro é último proxecto é o acondicionamento de acceso oeste á variante Galanas-Pardiñas, que tería un custo de 149.828,14 euros. Neste caso preténdense potenciar as comunicacións do polígono industrial do Milladoiro. Estas obras, que se executarían nas proximidades dos núcleos de Ventín e do Milladoiro, consisten no acondicionamento de dous viarios pavimentados con zahorra e un con pavimento de asfalto. Os viarios de conexión son a variante Galanas-Pardiñas, da autovía Santiago-Brión, na parte suroeste do polígono Novo Milladoiro, e a conexión coa rúa Oliveiras de dito polígono industrial na parte noroeste desta área.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames solicita seis ayudas por 944.000 del plan Hurbe para mejorar varios espacios públicos"
El Correo Gallego: "Ames pide ayudas para mejorar espacios públicos y obras de accesibilidad"




