Pestanas principais

Ames será un dos dous puntos de observación en Galicia para "A noite de Yuri"

Domingo, 10 de abril de 2011

[10-04-2011] O 12 de abril conmemórase o 50 aniversario do primeiro voo dun ser humano ao espazo, que tivo como protagonista ao astronauta soviético Yuri Gagarin. Para a celebración desta importante data no eido da astronáutica e como cada ano, realizarase unha observación nocturna do ceo en múltiples lugares do mundo, "A noite de Yuri", co obxectivo de facer un estudo completo do ceo nesta data e difundir o interese pola investigación espacial. Ames será, xunto a Ourense, un dos dous puntos de observación en Galicia. O Concello de Ames e o Club Compostelán de Astronomía Vega organizan para a noite do 12, de 21:30 a 00:00 horas, unha observación astronómica no paseo fluvial de Bertamiráns.

O 12 de abril de 1961 tivo lugar a primeira viaxe ao espazo dun ser humano: o protagonista deste fito para a humanidade foi o astronauta soviético Yuri Alekséyevich Gagarin. Desde 2001, este feito conmemórase a nivel planetario co evento denominado "As noites de Yuri", un proxecto no marco do cal se establecen arredor do mundo múltiples puntos de observación abertos nos que as persoas interesadas na astronomía poden observar o ceo nocturno para levar a cabo un estudo global deste. Este ano o evento ten unha especial importancia ao cumprírense 50 anos da viaxe de Gagarin, e o Concello de Ames tomará parte activa no programa "As noites de Yuri" colaborando co Club Compostelán de Astronomía Vega.

Este club compostelán está formado por astrónomos afeccionados que pretenden divulgar todo o relacionado coa astronomía, para o que organiza diversos actos como conferencias, charlas, exposicións ou saídas nocturnas cos seus socios. Así, no marco das Noites de Yuri e coa inestimable colaboración desta asociación, Bertamiráns acollerá na noite do martes 12 de abril no paseo fluvial unha observación astronómica aberta a toda aquela persoa interesada no estudo do espazo.

O evento terá lugar entre as 21:30 h. e as 00:00 horas, e para que os interesados poidan realizar con éxito a observación, haberá habilitados telescopios e monitores que os membros do Club Vega empregarán para explicar que é o que se está a ver no ceo exactamente en cada momento. As persoas con interese pola astronomía, mesmo sen ter uns coñecementos previos abondosos, poderán así formar parte deste proxecto de forma activa e aprender máis sobre os diversos elementos do espazo, sobre as constelacións visibles desde o noso Planeta e sobre a rica variedade de corpos celestes só observables se se conta co material axeitado para elo.

Con este evento, Ames será un dos dous concellos de Galicia que participarán nesta iniciativa impulsada polo Consello Consultivo Xeración do Espazo (Space Generation Advisory Council, en inglés), unha organización non gobernamental que funciona coma unha rede global de persoas interesadas na astronomía que intentan difundir e concienciar sobre a importancia de coñecermos o espazo. O outro Concello de Galicia que participa da "Noite de Yuri" é Ourense. En España, poderá participarse na iniciativa en Madrid, Zaragoza, Cádiz e Gandía (Valencia).

Loita espacial

O primeiro viaxe dun ser humano ao espazo tivo lugar nun contexto de especial tensión política a nivel internacional, a Guerra Fría, na que a loita pola conquista do mundo exterior converteuse nun elemento máis de pugna e disputa entre o bloque occidental capitalista e o bloque oriental soviético.

Neste contexto, a URSS comezou gañando as primeiras batallas, conseguindo situar no espacio en 1957 o primeiro ser vivo, a cadela Laika, que viaxou no Sputnik 1, o primeiro satélite artificial da historia. Librada a primeira batalla e gañada polos soviéticos, comezou unha carreira para poder enviar ao espacio por primeira vez a un ser humano, e é aí onde entra a figura de Yuri Gagarin. Yuri, nado en Klushino en 1934, foi un obreiro metalúrxico ata 1954, ano no que se incorporou ao aeroclub da cidade de Sarátov, onde realizou os seus estudos técnicos e o capacitaron para entrar un ano despois na Escola Militar de Pilotos de Oremburgo. Gagarin superou un proceso de selección e fíxose coa praza e o 12 de abril de 1961 viaxou ao espazo na nave Vostok 1.

As autoridades aeroespaciais soviéticas, malia que tiñan previsto todo o material técnico para recibir ao astronauta na súa chegada á terra, finalmente Yuri aterrou con vida no medio dun campo en Siberia. Contan as lendas que alí se atopou cunha anciá que asustada viu como un ser vestido de laranxa se precipitaba á terra e achegouse a el para preguntarlle "¿Ves do espacio?" ao que o astronauta, non sen certa sorna, respondeu "En certo sentido si. Pero non se alarme, son soviético".

Seguindo esta senda de incrementar o interese da poboación sobre todas as cuestións relacionadas co universo, púxose en marcha o programa "A noite de Yuri" coa que os seus patrocinadores pretenden iniciar aos máis mozos nos coñecementos do universo e darlle pulo aos que xa se iniciaron para que continúen a preocuparse por aumentar os seus coñecementos científicos verbo do espacio e de todo o que este agocha.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Bertamiráns organiza una observación astronómica"