[23-11-2012] Hoxe pola maña presentouse na sala de prensa do Concello de Santiago a fase comarcal do Club de Debate. En representación do Concello de Ames asistiu a concelleira de Cultura, María Eugenía Martín, que estivo acompañada das concelleiras de Normalización Lingüística dos concellos de Santiago, Rebeca Domínguez, e Teo, Carme Hermida, así como do alcalde de Rois, Ramón Tojo. Iníciase así a segunda edición deste certame, cuxa posta en marcha se concretou nunha addenda ao protocolo de colaboración existente asinada o 16 de novembro polos representantes dos concellos de Ames, Carballo, Cee, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo.
A concelleira de Cultura do Concello de Ames, María Eugenia Martín, expresou a súa satisfacción xa que Ames será este ano a sede onde se desenvolva a fase comarcal do Club de Debate. “O Concello de Ames está encantado con poder organizar a fase comarcal deste certame, que se desenvolverá o vindeiro o sábado 6 de abril de 2013 na Casa da Cultura de Bertamiráns. Trátase dun proxecto moi enriquecedor para todo o alumnado dos centros de ensino participantes, que permite achegar aos rapaces o uso do galego en distintos ámbitos. Dende Ames estamos apoiando este proxecto. Xa participamos na primeira edición, que se celebrou o ano pasado, e nesta edición damos un paso máis acollendo a fase comarcal”, explicou María Eugenia Martín.
Na final da fase comarcal participará o alumnado dos centros de ensino de Ames, Santiago, Teo e Rois. Ademais, dende o Concello de Rois convidouse a participar no certame ao veciño Concello de Padrón. De igual xeito, dende Teo convidan a participar ao alumnado dos centros de ensino de Vedra. Desta fase saíra o equipo representante desta comarca, que participará na final galega. Previamente, o 18 de decembro, Teo acollerá un curso de preparación para os grupos que finalmente se anoten no certame. A final galega terá lugar en Santiago de Compostela o 4 de maio de 2013.
Lingua galega e oratoria
O Club de Debate ten como obxectivo xeral impulsar o uso da lingua galega cunha visión moderna, afable e útil desta e reforzando a súa estima. Procura activar o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).
Os contidos que se traballan principalmente teñen que ver coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación sobre o(s) tema(s) dos debates que achega nocións, datos e argumentos e tamén teñen moita importancia outras cuestións transversais como o fomento do pensamento crítico, da tolerancia fronte á diversidade de opinións e o traballo en equipo.
Torneo por equipos
O Club de Debate organízase como un torneo por equipos en fases locais, comarcais e galega nas que os participantes teñen que defender, por quendas, a posición favorable e contraria sobre o tema proposto consonte unhas estritas regras de funcionamento.
Os grupos participan en nome dun centro escolar e teñen que estar formados por entre 4 e 10 membros de 3º, 4º de ESO ou 1º de Bacharelato. Cada equipo estará dirixido por un/unha preparador/a, papel que corresponde a un profesor ou profesora do seu centro, e poderá asistir a un curso de formación inicial para coñecer polo miúdo as normas dos debates e practicar tamén as destrezas necesarias.
Os temas dos debates locais e comarcais son seleccionados contando coas propostas dos centros de ensino e inclúen cuestións relacionadas coa lingua mais tamén outros asuntos de actualidade que suscitan polémica na sociedade. O tema da final galega desta edición será: "O galego é unha oportunidade".
Máis participación
En función do número de equipos que se inscriban (antes do 30 de novembro na maioría dos concellos), organizaranse as competicións locais ou comarcais das cales sairá seleccionado o equipo de cada comarca que asista á competición final. Cada un destes equipos campións comarcais recibirá tamén un premio en material cultural valorado en 500 euros e para o segundo clasificado haberá outro agasallo, tamén en material cultural, valorado en 300 euros. Nesta edición prevese aumentar o número de comarcas que pasarán das catro da primeira edición a seis, de haber suficientes inscricións en todas elas.
O equipo que logre o premio final terá a oportunidade de participar nunha viaxe-convivencia dunha fin de semana para un máximo de 25 persoas nun espazo de interese natural e cultural de Galicia.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames será a sede da fase comarcal do Club de Debate"




