[11-07-2016] O Instituto Galego de Estadística publicou o pasado venres, 8 de xullo, os datos provisionais de 2015 correspondentes aos movementos naturais da poboación. Segundo os datos facilitados polo IGE en 2015 no concello de Ames rexistráronse 336 nacementos e 151 defuncións, sendo o concello da comarca compostelá e de toda Galicia con maior crecemento demográfico e cun saldo vexetativo positivo de 185 persoas. En toda Galicia só houbo 14 concellos que rexistraron más nacementos que defuncións. En catro municipios non se produciron nacementos e noutros 80 rexistráronse cinco ou menos. O saldo vexetativo foi negativo en 300 concellos.
En 2015 houbo catorce concellos en Galicia que pecharon en positivo o seu saldo vexetativo. Nestes municipios o número de nacementos superou ao de defuncións. Na provincia da Coruña hai seis concellos con saldo vexetativo positivo, onde se atopa Ames, sendo o mellor concello coruñés e de toda Galicia con mellor diferencia entre nacementos e defuncións. O municipio amesán tivo 336 nacementos (149 homes e 187 mulleres) e 151 defuncións (85 homes 66 mulleres), arroxando unha diferencia de 185 que o converten no concello de toda Galicia que máis habitantes sumou tendo en conta estes dous indicadores. Asemade, durante o 2015 rexistráronse 153 matrimonios.
Ames é o concello con mellores datos con bastante diferencia respecto do segundo municipio, que é Arteixo (+70). Na terceira posición atópase O Porriño (+57), no cuarto Oroso (+46), e na quinta posición está Salceda de Caselas (+44). Segundo o INE, Ames conta cunha poboación total de 30.267 persoas, dos cales 14.608 son homes e 15.659 mulleres. De 0 a 15 anos hai 5.761 habitantes (2.961 homes e 2.800 mulleres); de 16 a 64 anos están censados 21.222 habitantes (10.273 homes e 10.949 mulleres); e de 65 e máis anos están rexistradas 3.284 persoas (1.374 homes e 1.910 mulleres). A poboación estranxeira é de 1.401 persoas (607 homes e 794 mulleres). Por último, o IGE establece a idade media da poboación amesán nos 38,6 anos.
Nos últimos dez anos, no período comprendendo entre 2006 e 2015, rexistráronse un total de 3.593 nacementos, cunha media de 359,3 bebes por ano, o que significa que nace case un neno/a por día ao ano. Tendo en conta este período o exercicio que máis nacementos houbo foi en 2008 con 425, e o que menos foi en 2013 con 317. Segundo o IGE a idade media de maternidade está nos 32,9 anos e o número medio de fillos/as por muller é de 1,3.
Mellores e peores datos a nivel galego
Na provincia da Coruña tamén rexistraron un saldo vexetativo positivo outros cinco concellos: Arteixo (70), Oroso (46), Cambre (17), Culleredo (8) e Narón (5).Outros sete municipios con datos positivos están situados na provincia de Pontevedra: O Porriño (onde se rexistraron 57 nacementos máis que defuncións), Salceda de Caselas (44), Poio (26), Soutomaior (12), Pontevedra (3), Gondomar (3) y Pontecesures (2). En Lugo tan só un municipio tivo datos positivos: Burela, que gañou 17 habitantes ao superar os bebés aos falecidos. Por último, en Ourense non houbo ningún concello con datos positivos.
Por outra banda, o saldo vexetativo foi negativo en 300 concellos galegos. Deste xeito, os datos negativos máis elevados atópanse en grandes cidades como A Coruña (-556), Ferrol (-523), Vigo (-420), Ourense (-393) e Lugo (-197). A cidade veciña de Santiago perdeu 81 habitantes polo exceso de falecementos sobre os nacementos. Outras localidades como Monforte (-190), Vilalba (-133), Viveiro (-120), A Estrada (-112), Lalín (-108), Ortigueira (-107), Chantada (-104), Sarria (-91) e Vimianzo (-90) tamén rexistraron datos negativos.
Outros datos de interese
En canto aos movementos migratorios, o INE indica que durante o ano 2014 houbo 186 emigracións e 269 inmigracións a outra provincia; 263 emigracións e 193 inmigracións a outra comunidade; 150 emigracións e 163 inmigracións ao estranxeiro; e 876 emigracións e 949 inmigracións dentro da mesma provincia. Sobre o número de escolares o IGE tamén dispón de datos correspondentes ao exercicio 2015. Así, indica que houbo 848 alumnos/as en educación infantil, 1.564 en educación primaria e 933 na ESO. Estes datos corresponden aos alumnos/as matriculados no ensino non universitario en centros sostidos con fondos públicos. Por último, O IGE sinala que en 2009 a renda dispoñible bruta por habitante era de 16.771,14 euros, mentres que o produto interior bruto por habitante en 2012 estaba en 12.694 euros.
Estes bos datos demográficos confirman que Ames é un dos municipios máis atractivos para vivir da comarca compostelá por varias razóns: a oferta de vivenda nova e de calidade a bo prezo, ser un importante núcleo de puxanza económica e os servizos municipais orientados á mellora na calidade de vida, destacando notablemente a aposta pola conciliación que se da dende este Concello. Son moitas das características que fan de Ames un perfecto destino para comezar a construír unha nova vida familiar.
Mellora das comunicacións existentes
A súa proximidade coa cidade de Santiago de Compostela e a mellora das comunicacións co resto de Galicia, en parte grazas á posta en marcha da autovía que une Santiago con Brión, supón un paso moi importante para empadroarse no Concello: prezos máis ao alcance dos cidadáns e todo preto da casa nun ambiente máis relaxado lonxe da tensión que se respira nas cidades.
Aínda que nos próximos anos todo parece indicar que o crecemento da poboación non vai aumentar ao ritmo destes últimos anos, tanto pola crise dos últimos anos como polo estancamento de poboación que sofre a sociedade española, Ames seguirá sumando novos nacementos ao seu censo. Deste xeito, poderá seguir presumindo de ser un dos municipios con máis nacementos e mellor saldo vexetativo de toda Galicia.
O alcalde de Ames, José Miñones, indica que "os datos que coñecemos agora reafirman o compromiso do goberno nas políticas sociais apostando claramente polos programas de conciliación e os servizos á cidadanía. Solicitamos tamén das diferentes Administracións o compromiso de axuda a un concello que medra como o noso e o teñan en conta á hora de investir en novas infraestruturas tan necesarias para Ames".
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames registró 3.593 nacimientos durante los últimos diez años"
El Correo Gallego: "Ames segue sendo o Concello galego con maior saldo vexetativo"




