[23-04-2013] O concello de Ames continúa medrando pese á crise demográfica que afecta á maioría dos municipios galegos, rexistrando ao longo de 2012 un total de 346 nacementos e situándose a súa poboación a finais dese ano nos 29.708 habitantes, tendo en conta os datos provisionais que manexa o Concello logo do proceso de depuración do padrón municipal que se fai sempre nos primeiros meses de cada ano. Segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estadística (INE), Ames contaba a principios de 2012 cun total de 29.331 habitantes, o que supón que en só doce meses sumou case 400 habitantes máis. Fronte á baixada de poboación rexistrada en Galicia que amosan os datos avanzados onte polo INE, Ames segue medrando e sumando habitantes ano a ano.
Deste xeito, o municipio achégase cada vez máis aos 30.000 habitantes e segue sendo un dos que máis medra da comunidade galega. Ademais, as cifras do censo municipal poñen de manifesto que Ames continúa sendo un municipio caracterizado pola súa poboación nova, xa que o rango de idade máis numeroso é o que abrangue entre os 20 e os 49 anos, cun total de 15.308 persoas censadas, o que supón máis da metade da poboación amiense.
Na poboación do concello de Ames tamén destaca a presenza de nenos e nenas, xa que o rango de idade entre os 0 e os 19 anos suma un total de 6.813 habitantes, o que supón case un 23% da poboación do municipio. Mentres, na franxa de idade que vai desde os 50 aos 69 anos rexístranse un total de 5.492 persoas censadas, e entre os 70 e os 89 anos hai un total de 1.952 habitantes. Ademais, hai 141 persoas que teñen entre os 90 e os 99 anos e 2 persoas censadas que superan os 100 anos.
Nas últimas décadas, Ames situouse como un dos concellos galegos máis puxantes, gañando máis de 16.400 habitantes desde 1996. Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estadística (INE), hai dez anos, en xaneiro de 2003, o número de habitantes en Ames ascendía a 20.016. Nunha década esta cifra incrementouse nun 48%, o que supón unha boa mostra da rápida progresión demográfica experimentada no municipio amiense.
O Concello fai fincapé na importancia de que Ames siga crecendo ano a ano, rexistrando novas incorporacións no padrón municipal pese á actual crise demográfica. O Goberno amiense considera que este incremento demográfico constante debe levar aparellado un maior apoio das diferentes institucións co obxectivo de mellorar os servizos que se ofrecen á poboación.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "El censo xalleiro baja a 9.960 vecinos y en Ames sube a 29.708"
La Voz de Galicia: "El censo de Ames roza los 30.000 vecinos tras sumar 346 nacimientos en el 2012"