Pestanas principais

Ames Saudable segue en contacto coa veciñanza amesá a través das súas redes sociais

Luns, 20 de abril de 2020

O programa Ames Saudable, dependente da Concellería de Promoción da Saúde, comezou fai varias semanas unha nova andaina nas redes sociais. A través da súas páxinas en Facebook e Instagram seguen en contacto coa veciñanza amesá durante esta alerta sanitaria. Esta iniciativa, que ten como obxectivo dar continuidade ao programa e as actividades que se viñan desenrolando no ámbito do fomento dunha alimentación saudable, promoción da actividade física en todas as idades, e a prevención de condutas aditivas con e sen sustancias xa conta con máis de catrocentos seguidores en Facebook.

Como consecuencia da alerta sanitaria provocada polo COVID-19, o contacto man a man co veciñanza a través da realización de actividades que potencien unha vida saudable vese imposibilitado. Por iso, o programa Ames Saudable emprendeu un novo camiño nas redes sociais para seguir en contacto coa veciñanza durante o período de confinamento nos fogares.

Nas súas novas contas en Facebook e en Instagram  publícase todos os días algún tipo de actividade física. Así, os martes e xoves súbense as súas redes sesións de ximnasia terapéutica, que están destinadas sobre todo aos nosos maiores. En canto ao resto dos días, son habituais as clases de ioga, mentres que os fins de semana, súbense sesións de baile. Todas elas, son feitas polas mestras habituais deste tipo de actividades nos programas Amessan ou nas Escolas Deportivas.

Asemade, tamén se está a promocionar a seguridade dos maiores nos fogares, para evitar posibles caídas e accidentes domésticos. Estes días nos que non é recomendable visitar aos médicos (a non ser que sexa de urxencia) para evitar posibles contaxios, todas medidas son poucas para os sectores da poboación máis vulnerables.

Compre engadir que o departamento de Promoción da Saúde virtual comezou esta semana ca parte de estimulación cognitiva "mantén a mente áxil" subindo as súas redes fichas para traballar na casa. Conscientes de que os nosos maiores, sobre todo os que viven sos non todos teñen acceso a estes recursos están a preparar un caderno de estimulación cognitiva para repartir entre os/as maiores amesáns. Tanto para os que eran usuarios desta actividade no programa Amessan como para aqueles maiores que vivan solos, para que poidan seguir desenrolando a memoria nestes momentos de confinamento.

Tamén se sumaron ao proxecto solidario  “Cuarentena Activa” para divulgar os materiais que elaboraron entre a nosa poboación de maior idade. Consiste nun dossier elaborado por Lémbrate, unidade de memoria con pautas de hixiene, alimentación saudable, actividade física e estimulación cognitiva. Podes consultalo ao pé desta nova. 

Ames Saudable