Pestanas principais

Ames saca a literatura á rúa para conmemorar o Día do Libro

Sábado, 21 de abril de 2012

[21-04-2012] A praza do Concello, en Bertamiráns, acolleu este sábado a conmemoración do Día do Libro. O evento abriuse cun acto literario-musical no que se fixo a presentación dos traballos premiados no VIII Certame Literario Concello de Ames e se realizou unha lectura colectiva dos textos premiados. A lectura dos textos foise mesturando coa música en directo do grupo de música folk Avelaíña. O alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, a concelleira de Cultura, Eugenia Martín, o concelleiro do grupo municipal popular, Alfonso Rey, e a concelleira do grupo municipal socialista, Isabel González, tamén participaron na lectura dos traballos gañadores VIII Certame Literario Concello de Ames. Tamén houbo obradoiros infantís de creación de chapas e marcapáxinas. Ás 18:30 horas realizáronse contacontos para os máis pequenos e desenvolveuse o espectáculo/obradoiro Titerehop, dirixido aos mozos/as de 13 a 17 anos, e que estivo centrado na cultura hip-hop.


Titerehop e Contacontos con Lepi

Dende as 18:30 horas houbo contacontos para os máis pequenos. A Biblioteca municipal tamén participou neste acto coa realización da actividade Contacontos con Lepi. A esa mesma hora comezou o espectáculo/obradoiro Titerehop, dirixido aos mozos/as de 13 a 17 anos, e que estivo centrado na cultura hip-hop. Este obradoiro estivo dirixido polo rapeiro García do grupo Dios Ke Te Crew. Ademais a compañía de monicreques Viravolta desenvolveu un obradoiro de expresión plástica. Os rapaces e rapazas puideron crear rimas, monicreques e facer diversas gravacións. Unha vez rematado o obradoiro os participantes puxeron en escena as creacións realizadas en ambos os dous obradoiros.


Acto literario musical

A conmemoración do Día do Libro abriuse cun acto literario - musical. Ás 17:00 horas a música e a literatura mesturáronse na presentación do libro recompilatorio das obras gañadoras do VIII Certame literario Concello de Ames. O alcalde de Ames, Santiago Amor, foi o encargado de abrir o acto literario-musical no que se dou lectura aos traballos premiados no VIII Certame Literario Concello de Ames. O rexedor municipal incidiu en que “con esta iniciativa preténdese ofrecerlle aos veciños e veciñas de Ames unha tarde diferente na que se saca a literatura á rúa para pasar un día entretivo e fomentar a lectura”.

Santiago Amor continuou dicindo que “este tipo de actos serven para poñer en valor a lectura e a literatura sobre todo entre os máis pequenos. Por último o alcalde destacou que este evento “serve para presentar os traballos premiados na oitava edición do Certame Literario do Concello de Ames, un certame que está máis que consolidado dentro do mundo da poesía e narrativa de Galicia”.

Os gañadores da modalidade de poesía puideron ler o seu poema ao completo, mentres que na modalidade de narrativa escolléronse os mellores fragmentos para ler ante o público. A lectura de fragmentos dos textos premiados por parte dos seus autores e autoras intercaláronse coa actuación do grupo de música folk Avelaíña.

A maioría dos autores premidos na pasada edición deste certame asistiron a este acto lierario-musical para ler o seu traballo. O alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, a concelleira de Cultura, Eugenia Martín, o concelleiro do grupo municipal popular, Alfonso Rey, e a concelleira do grupo municipal socialista, Isabel González, tamén participaron na lectura dos traballos gañadores VIII Certame Literario Concello de Ames.


Foron moitos os e as amienses que se achegaron ata a praza do Concello este sábado pola a tarde para asistir á presentación dos traballos premiados no VIII Certame Literario Concello de Ames e para poder participar na feira de exposición e venda de libros. O obxectivo desta feira foi sacar os libros dos espazos pechados e levalos á rúa para que todas aquelas persoas que non soen acudir habitualmente ás bibliotecas ou centros de lectura se animasen a descubrir os diferentes mundos que se esconden detrás de cada exemplar.

A celebración comezou ás 16:30 horas coa feira literaria onde se podían mercar todo tipo de libros, tanto de literatura infantil como novela e poesía. As librarías Lenda (Bertamiráns), Boas e Novas (Bertamiráns) e Nenos e nais (O Milladoiro) ofreceron un desconto do 10% de desconto sobre o prezo en libraría. Simultaneamente, realizouse un obradoiro para elaborar chapas e marcapáxinas. Os rapaces e rapazas puideron aprender distintas técnicas para confeccionar os seus propios marcapáxinas e chapas de diferentes cores e formas. A concellaría de Educación tamén participou neste evento a través da Biblioteca coa realización deste obradoiro e de diversos contacontos.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El libro lucha por resistir a la marejada económica"