Pestanas principais

Ames saca a licitación o servizo público do ciclo integral da auga por un período de nove meses

Xoves, 31 de xullo de 2014

[31-07-2014] O Concello de Ames vén de sacar a concurso o ciclo integral da auga co obxectivo de adxudicarlle a unha empresa externa a xestión do servizo público de abastecemento domiciliario de auga potable, saneamento e depuración de augas residuais do concello de Ames por un período de nove meses. O anuncio da licitación sae publicado este xoves, 31 de xullo, no Boletín Oficial da Provincia. Dende o goberno municipal manifestan que “se adoptou esta decisión despois de que a proposta de licitar este servizo, por un período de dous, anos fose rexeitada nos plenos de maio e xuño por parte dos concelleiros/as da oposición. Debido a iso, e como un servizo tan importante como este non pode quedar sen relación contractual, tivemos que optar por aprobar en Xunta de Goberno Local a licitación de dito servizo por un período de nove meses”.

Cómpre lembrar que o pasado 20 de febreiro os técnicos do departamentos de Secretaría e de Intervención emitiron un informe conxunto, a petición da comisión de estudio do servizo de auga e saneamento do Concello de Ames, ao respecto dos principais aspectos económicos e xurídicos, derivados da elección entre as distintas formas ofrecidas pola norma para a xestión de dito servizo, así como do procedemento a seguir en cada caso.

Así, en base a dito informe, e concretamente en base ás consideracións principais nel contempladas, mediante resolución da Alcaldía o pasado 10 de abril, subscribiuse un contrato menor cunha empresa especializada no tema da auga, para a elaboración da documentación da licitación da concesión da xestión do servizo público de abastecemento e saneamento por un prazo de dous anos.

De seguido, o pasado 5 de xuño, no pleno ordinario do mes de maio, someteuse á consideración do pleno a proposta de licitación deste servizo por un período de dous anos. A licitación deste servizo municipal foi rexeitado cos votos en contra dos concelleiros/as do grupo municipal socialista e dos edís non adscritos, mentres que os membros do grupo de goberno votaron a favor.

No pleno ordinario de xuño volveuse a debater a proposta feita polo goberno municipal sobre a licitación do ciclo integral da auga, que nesta ocasión incluía un informe realizado polo departamento de Secretaría sobre as posibles responsabilidades que se derivaban de votar en contra desta proposta. Este tema volveu a ser rexeitado cos votos en contra dos concelleiros/as do grupo municipal socialista e dos edís non adscritos, mentres que os membros do grupo de goberno votaron a favor.

Licitación por un período de nove meses
Despois de que os concelleiros/as da oposición rexeitaran en dúas ocasións a proposta de licitar este servizo por un período de dous anos, o Concello de Ames, en Xunta de Goberno Local, aprobou sacar a concurso este servizo por un período de nove meses. Segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, adoptouse esta decisión “despois de que a proposta de licitar este servizo por un período de dous anos fose rexeitada nos plenos de maio e xuño por parte dos concelleiros/as da oposición”.

María Eugenia Martín, engade que “debido a iso, e como un servizo tan importante como este non pode quedar sen relación contractual, tivemos que optar por aprobar en Xunta de Goberno Local a licitación de dito servizo por un período de nove meses. Esta é a opción menos prexudicial para o Concello de Ames e a partir de que se adxudique á nova empresa, esta terá que asumir gastos que na actualidade asume o Concello, aparte de ingresar un canon, o que suporá un alivio económico para o propio Concello”.

Tal e como se explicita na declaración de necesidade e idoneidade, subscrita pola concellería de Medio Ambiente, preténdese deste xeito que a día 3 de setembro a prestación do servizo ciclo integral da auga poida ter iniciado expediente de licitación, xa que materialmente resulta imposible que en dita data poda estar adxudicado. Para iso aprobouse en Xunta de Goberno Local o expediente de contratación, mediante procedemento aberto, oferta máis vantaxosa, con varios criterios de adxudicación para a xestión do servizo público ciclo Integral da auga do Concello de Ames.

Os licitadores poderán presentar as súas ofertas no Rexistro Xeral do Concello de Ames, de luns a sábado, en horario de 09.00 ata as 14.00 horas no prazo de 15 días naturais, contados a partir do día seguinte a publicación do anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames licita por urgencia y sin acuerdo el contrato del agua por solo nueve meses"
El Correo Gallego: "Ames saca a licitación o servizo do ciclo integral da auga por 9 meses"