Pestanas principais

Ames repoboa con 2.000 árbores frondosas unha superficie de oito hectáreas incluídas dentro do Plan de prevención de incendios forestais

Sábado, 17 de marzo de 2018

[17-03-2018] Esta semana rematou a brigada municipal, composta por un capataz e dous peóns, que estivo realizando traballos preventivos de eliminación de especies non permitidas e a repoboación de árbores frondosas-caducifolias. Este grupo de traballo, contratado directamente polo Concello de Ames, estivo traballando durante os últimos catro meses para repoboar con 2.000 árbores frondosas unha superficie de 8 hectáreas dos ámbitos 27, correspondente aos lugares de Balindo, Fernande, Vilaverde (pertencentes á parroquia de Piñeiro), e do ámbito 4B nas que están incluídas vivendas e instalacións illadas da contorna da urbanización de Aldea Nova. Deste xeito, rematouse de executar a segunda fase do plan municipal de prevención de incendios forestais. En total, o Concello destinou 51.000 euros de fondos propios á segunda fase deste plan.

A segunda fase do plan municipal de prevención de incendios forestais do Concello de Ames deulle continuidade á experiencia piloto posta en marcha no ano 2016 e na que se conseguiu actuar sobre o ámbito 18 correspondente á parroquia de Piñeiro. Durante a anualidade 2017-2018 as labores de prevención centráronse en rematar as parcelas incluídas no ámbito 18 de Piñeiro, e continuaron, no ámbito 27 de Piñeiro, onde se realizaron ditos traballos nos lugares de Balindo, Fernande e Vilaverde. Con estes traballos a parroquia de Piñeiro está rematada.

Na segunda fase tamén se actuou nun dos ámbitos prioritarios que é o de Aldea Nova, catalogado no estudio previo como de alto risco. Este ámbito forestal está dividido en dous: 4A e 4B. O 4A comprende parte da urbanización de Aldea Nova, mentres que o 4B son as edificacións illadas que aglutinan talleres, concesionarios e gasolineira da zona. Este ámbito, o 4B, foi no se actuou nesta segundas fase. Ademais, dende o Concello enviáronse cartas aos propietarios/as de parcelas en solo urbano, para que realicen os traballos que marca a lei de incendios e as súas modificacións.

Deste xeito, durante a segunda fase do plan de prevención de incendios forestais plantáronse unhas 2.000 árbores frondosas nunha superficie aproximada de 8 hectáreas (67 fincas). As árbores plantadas foron castiñeiros, baleiras, cerdeiras, carballos, noceiras, freixos e bidueiros. Sempre se adaptaron as árbores ao terreo no que se ían plantar. O Concello asumiu o custe da compra de árbores e mailos traballos de preparación dos terreos para a posterior plantación.

O plan continuará na anualidade 2018-2019
En Aldea Nova os traballos de plantación remataranse na terceira fase (anualidade 2018-2019). Dende o Concello xa se puxeron en contacto con moitos dos propietarios/as de parcelas situadas en Aldea Nova nas que se actuará durante a vindeira fase deste plan. Tamén algunhas das parcelas de Aldea Nova xa quedaron preparadas para realizar as plantacións.

Hai que destacar que, para darlle maior estabilidade a esta iniciativa, no pleno ordinario de decembro aprobouse o Plan de medidas preventivas fronte a incendios forestais mediante a plantación de árbores frondosas caducifolias na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa. Este punto debateuse de forma conxunta coa modificación do plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames para o período 2017, 2018 e 2019, para incluír a liña de axudas para a promoción destas medidas preventivas recollidas no devandito plan, e co seguinte punto que recollía a modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo de tala e roza nas franxas de seguridade. Os tres puntos foron aprobados por unanimidade.

Contratación dunha brigada
Para a execución deste traballos dispúxose dunha brigada composta por un capataz e dous peóns. O Concello asumiu o custe da contratación deste persoal, que ronda os 27.000 euros, por un período de catro meses. A este importe hai que engadirlle o custe que supuxeron dispor dun vehículo todoterreo e os equipo de protección individual (EPIS). Isto sumou 8.000 euros, o que da un importe total de 35.000 euros.

Este grupo de traballo realizou traballos de prevención de lumes forestais, a través de plantacións de árbores frondosas caducifolias na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa. O seu traballo consistiu fundamentalmente en localizar aos/as propietarios/as das fincas afectados/as polas faixas secundarias e delimitacións recollidas na lei de incendios e as súas modificacións, que indica que hai que deixar 50 metros de distancia dende o límite de núcleos urbanos ou dende vivendas unifamiliares, gasolineiras, talleres, etc.

Unha vez localizados os/as propietarios/as de ditas fincas elaborouse un plan de plantación con árbores frondosas caducifolias que substituíron aos piñeiros e eucaliptos que a lei obriga a cortar. No momento en que os veciños/as afectados/as aceptan o plan de repoboación proposto polo Concello é cando comezou o traballo de preparación do terreo para a posterior plantación. Cómpre salientar que o 80% do custo de ditos traballos son subvencionados por parte do Concello, mentres o 20% restante ten que ser pagado polo propio veciño/a.

Plan posto en marcha en 2016
Cómpre lembrar que na primeira fase de dito Plan actuouse sobre 37 parcelas no núcleo de Piñeiro, cubrindo un total de 19.374 metros cadrados. O número total de plantas que se lograron establecer na primeira fase foi de 815, gracias aos 37 convenios asinados entre 33 propietarios implicados e o Concello de Ames, cun financiamento do 80% por parte da Administración local nas actuacións de limpeza, tala e plantación. A revisión das plantacións levadas a cabo no ano 2017 deixou un balance moi positivo, cun porcentaxe de éxito no crecemento das árbores do 97,2%.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Plantan dos mil árboles en Ames en el plan de prevención de incendios forestales"
La Voz de Galicia: "El plan de Ames contra los incendios aumenta la protección de Aldea Nova"