- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, colabora por segundo ano consecutivo coa entidade Solidariedade Internacional de Galicia. O obxecto é colaborar na segunda edición do programa galego de acollida temporal a mulleres defensoras de dereitos humanos denominado Galicia Abriga. Trátase dun programa de acollida temporal para mulleres que defenden os dereitos humanos en países con presenza da cooperación galega. O pasado venres, 3 de outubro, a concelleira de Benestar Social, Uxía García, participou nunha xuntanza en Santiago de Compostela, na que participaron Milagro Alvarado, Juventina López e Ana Donis, que son as tres mulleres que participan este ano no programa Galicia Abriga.
Milagro Alvarado, Juventina López e Ana Donis participan estas semanas na segunda edición do programa galego de acollida temporal a mulleres defensoras de Dereitos Humanos Galicia Abriga, impulsado polas ONGDs Solidariedade Internacional de Galicia, Agareso e Ecos Do Sur, co apoio económico da Xunta de Galicia, do programa europeo Protect Defenders, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e dos concellos de Ames e Oleiros. Galicia Abriga conta, ademais, co respaldo da Coordinadora Galega de ONGDs, das tres universidades galegas e dunha ducia de entidades de diversos ámbitos.
O Concello de Ames colabora con este programa a través da sinatura dun convenio para conceder unha subvención nominativa de 2.000 euros á entidade Solidariedade Internacional de Galicia, co obxecto de colaborar co programa Galicia Abriga. Ames é a única Administración pública local que participa e colabora neste programa. Milagro Alvarado, Juventina López e Ana Donis participarán en Ames nunha xornada aberta á veciñanza na que poderán interactuar con elas. A data desta xornada anunciarase proximamente a través da páxina web municipal e das redes sociais municipais.
Este programa consta dun acompañamento personalizado a ditas mulleres, para promover melloras no seu estado emocional e de saúde, para impulsar novas aprendizaxes e ferramentas para o seu activismo e artellar redes e estratexias de protección a nivel internacional.
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, destaca que “Ames é un concello solidario tal e como se constata en numerosas iniciativas e programas que se poñen en marcha dende a Administración local. Neste caso asinouse un convenio coa entidade Solidariedade Internacional de Galicia, co obxecto de colaborar co programa galego de acollida temporal a mulleres defensoras de dereitos humanos denominado Galicia Abriga. Dita colaboración plásmase na concesión dunha axuda de 2.000 euros para propiciar unha estadía temporal segura e enriquecedora en Galicia, para mulleres que defenden os dereitos humanos en países con presenza da cooperación galega”.
A rede de apoio coa que conta o programa Galicia Abriga, entre o que se atopa o Concello de Ames, recibiu o pasado venres 3 de outubro a Milagro, Juventina e Ana, que compartiron coas persoas presentes as súas experiencias na defensa da xustiza e dunha vida libre de violencias nos seus países de orixe, El Salvador e Guatemala.
Juventina López e a líder comunitaria maya Mam de Champerico, Guatemala, e coordinadora de proxectos de ASIAPRODI, organización socia de Arquitectura Sen Fronteiras desde hai máis de 15 anos; Ana Donis é avogada de Mulleres Transformando o Mundo, organización feminista de Guatemala que loita pola erradicación da violencia contra as mulleres e socia local de AGARESO; mentres que Milagro de la Paz é coordinadora territorial do Equipo de Oriente da Colectiva Feminista do Salvador, tamén socia local de AGARESO.
Obxectivos de Galicia Abriga
Galicia Abriga naceu co obxectivo de garantir un espazo seguro a mulleres defensoras de dereitos humanos pertencentes a organizacións e movementos sociais de países nos que a cooperación galega ten presenza, que ven ameazada a súa vida ou integridade física e psicolóxica, con motivo do seu labor, contribuíndo a que saían do contexto de risco no que se encontran, fortalecendo as súas capacidades e mellorando o seu benestar.
Á súa vez, tamén se crean espazos nos que se difunde a axenda de defensa de dereitos das súas comunidades, organizacións ou movementos sociais, así como de denuncia das violacións de dereitos humanos das que fora obxecto e de aproximación ao contexto do país.
Galicia Abriga non é un programa de asilo, refuxio ou exilio. É un programa de acollida temporal para que, durante tres meses, mulleres defensoras de dereitos humanos poidan saír da contorna na que realizan o seu traballo de defensoría, descansar e fortalecerse, tanto elas mesmas como as súas organizacións, para que, á volta ao seu país, estean en mellores condicións de desenvolver o seu activismo. Non está, polo tanto, deseñador para proporcionar a saída inmediata de persoas defensoras dun entorno grave ou de inminente risco.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames renova a súa colaboración co programa Galicia Abriga para mulleres defensoras de dereitos humanas"





