Pestanas principais

Ames renova o seu equipamento de impresión dixital co obxectivo de reducir custos e impacto medioambiental

Martes, 06 de xaneiro de 2015

[06-01-2015] O Concello de Ames iniciou o proceso para renovar o conxunto de impresoras e fotocopiadoras dixitais da administración municipal. O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou recentemente o contrato co responsable da empresa VSM Sistemas Coruña, encargada de subministrar ao Concello un total de 22 fotocopiadoras dixitais multifunción para diferentes departamentos na modalidade de renting. O contrato, que terá unha duración de tres anos prorrogable por un ano máis ata un máximo de catro, tamén inclúe a conservación e mantemento de copiadoras dixitais multifunción de titularidade municipal.

Ante a situación actual dos equipos de impresión, moitos deles totalmente amortizados e coa garantía rematada, o Concello considerou imprescindible proceder á súa substitución por equipos novos abrindo un proceso de licitación. Esta caducidade dos dispositivos xunto coa necesidade de reducir o custo total de impresións e copias e o compromiso co medio ambiente, facía necesario o cambio por un sistema de custo por páxina con tarifa plana todo incluído e cun aumento das prestacións dos sistemas.

A finalidade desta licitación era levar a cabo un proxecto de xestión da impresión por medio dun sistema de aluguer e de prezo por páxina impresa, que integrase tanto o subministro do equipamento como o de consumibles e de mantemento de toda a infraestrutura de impresión. En definitiva, trátase de dispoñer dun parque de impresoras e dun equipamento de impresión actualizado e en constante renovación.

Os equipos de impresión dixital contan cunha garantía que cubre o período completo do contrato que inclúe pezas, man de obra e desprazamento do persoal para os arranxos.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Licitación mediante renting de 22 fotocopiadoras digitales para Ames"