[11-10-2011] O Concello de Ames formou a conta xeral do 2010 o pasado venres día sete de outubro, pero debido a un problema coa aplicación informática relacionado co programa contable, non se puido enviar ao Ministerio de Economía ata hoxe, día 11 de outubro. Deste xeito, o Concello de Ames, que aprobara en Pleno e por unanimidade unha solicitude ao ministerio pedindo ampliación de prazo para render a conta ata finais de outubro, rende a conta, por primeira vez en moitos anos, dentro do exercicio que lle corresponde, aínda que fóra do prazo do establecido polo Consello de Contas. O alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou hoxe que espera que finalmente non se produza a retención de 400.000 euros por parte do Estado, e que como moito haxa un retraso.
O pasado venres día 7 asinouse o decreto nº 1790/2011 polo que quedou aprobada a liquidación da conta xeral do Concello de Ames e hoxe quedarán transmitidos os ficheiros ao Ministerio de Economía. O problema informático que impediu remitir antes a conta non se puido solucionar ata esta semana debido a que a aplicación contable é a mesma que emprega a Deputación de Coruña e o pasado venres foi festivo local na cidade herculina. Santiago Amor, explicou que "espera que nos anos vindeiros non se repitan episodios coma este" e afirmou que "o que se fixo foi cumprir, co esforzo dos traballadores municipais, cunha responsabilidade herdada da mala xestión de Carlos Fernández" por iso "agradeceu a labor dos servizos económicos deste Concello, que traballaron dobrando quenda durante as últimas semanas".
Santiago Amor explicou que agora mesmo as nóminas dos traballadores e traballadoras do Concello non corren perigo, "porque ademais se tomaron medidas para ter un remanente de tesourería co fin de facer fronte a imprevistos". O rexedor amiense transmitiu unha mensaxe de certa tranquilidade aínda que a situación económica do Concello "segue sendo complicada". Nas vindeiras semanas cobraranse recibos da contribución urbana por valor de máis de 4 millóns de euros, pero "trátase dun diñeiro que xa está gastado en facturas e outros compromisos de pagoamentoi coma un crédito de 2 millóns de euros" explicou o popular Santiago Amor, que afirma que a partir de agora se traballará no novo orzamento de cara ao vindeiro exercicio, e máis, a medio prazo, nun Plan de Equilibrio Financeiro.




