Pestanas principais

Ames regala ilusión a través dunha novidosa exposición de Ilusións ópticas

Venres, 14 de decembro de 2012

[14-12-2012] Baixo o lema “Este Nadal Ames regala ilusión”, o vindeiro luns, 17 de decembro, inaugúrase a exposición de Ilusións ópticas, unha das actividades máis novidosas que se inclúen este ano dentro da programación da campaña de Nadal, que organiza a concellaría de Promoción Económica. Esta campaña pretende atraer público e incentivar as compras no sector comercial amiense. A exposición estará aberta ao público dende o 17 de decembro de 2012 ata o 4 de xaneiro de 2013 nas localidades de Bertamiráns e O Milladoiro. Esta mañá o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, visitou o Pazo da Peregrina para comprobar de primeira man como van os traballos de montaxe desta exposición. É a primeira vez que se fai unha mostra deste tipo en Galicia. A exposición, que está creada polo Mago Romarís, conta con máis de 50 ilusións.

Este ano a intención do Concello de Ames é facer participes aos nenos e nenas na campaña de Nadal xa que son os principais protagonistas destas festas. Deste xeito, preséntanse unha serie de actividades que están diseñadas para intentar conxugar o comercio coas emocións, resaltando a ilusión, e en consecuencia, a esperanza que coa chegada do Nadal medra en todas e todos nós, e de maneira moi especial nos máis cativos. A través desta iniciativa o que se intenta é xerar ilusión entre as familias amienses.

Unha das novidades que se inclúen este ano dentro da programación comercial de Nadal é a exposición de Ilusións ópticas. Esta campaña pretende conxugar o comercio e a ilusión dos nenos coas festas de Nadal e o consumo en Ames. Dende a concellaría de Promoción Económica organizáronse unha serie de visitas que serán guiadas e gratuítas para o alumnado de Educación Primaria, que está escolarizado nos centros de ensino de Ames. Estas visitas desenvolveranse antes do inicio das vacacións de Nadal.

As visitas comezarán o vindeiro luns 17 de decembro, ás 9:30 horas, momento no que o alumnado do CEIP de Barouta acudirá á ver a exposición de ilusións ópticas. Ao longo da próxima semana pasarán polo Pazo da Peregrina máis de 1.000 rapaces e rapazas dos centros de ensino de Ames para visitar esta exposición. A todos aqueles alumnos/as que non poidan participar nestas visitas programadas o concello entregaralles convites para que poidan asistir acompañados dos seus pais e nais.

A exposición de Ilusións ópticas estará en Bertamiráns e no Milladoiro
A exposición estará aberta ao público dende o 17 de decembro de 2012 ata o 4 de xaneiro de 2013 nas localidades de Bertamiráns e O Milladoiro. En Bertamiráns poderase visitar no Pazo da Peregrina entre o 17 e o 23 de decembro, en horario de 17:00 a 21:00 horas, mentres que no Milladoiro os días de visita serán entre o 26 de decembro e o 4 de xaneiro (excepto os días 31 de decembro e o 1 de xaneiro), en horario de mañá, de 10:00 a 13:00 horas, e de tarde, de 17:00 a 21:00 horas. Na localidade do Milladoiro estará exposta no local 1 da rúa Viorneira cedido de forma gratuíta pola Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Boulebar. O Concello de Ames agradécelle especialmente aos seu presidente, José Manuel Fernández, este xeneroso xesto.

Todos aqueles amienses que queiran gozar destas ilusións ópticas, baseadas na fantasía e na percepción, poderán facelo presentando un ticket de compra de calquera establecemento comercial de Ames por importe de 10 euros. En caso de non presentar o recibo de comprar deberán abonar 2 euros na entrada. Estes importes permiten o acceso dunha persoa adulta ou de dous nenos/as de ata 12 anos.

Esta exposición contará coa presenza de profesionais da maxia, que interactuando co público, explicaranlle as diferentes percepcións e trucos de ilusión durante as visitas guiadas que durarán arredor de 45 minutos. É a primeira vez que se fai unha mostra deste tipo en Galicia. A exposición, que está creada polo Mago Romarís, conta con máis de 50 ilusións.