[11-06-2016] A programación cultural de verán terá nas rúas de Ames o seu escenario principal. Circo, clown, humor e teatro entre Milladoiro e Bertamiráns; concertos e un obradoiro de música tradicional. O festival Millarock volta a Ames logo de varios anos sen celebrarse, este ano celébrase a súa sexta edición. Ith, grupo gañador da derradeira edición do certame Millarock para bandas emerxentes celebrada no ano 2011, subirase ao escenario con Ahoraphobia e o grupo local Biribirlocke. O departamento de Servizos Sociais e o servizo de atención ao migrante organizan unha exposición fotográfica e un encontro intercultural coa actuación das Batuko Tabanka de Burela. Case todas as actividades son abertas e gratuítas.
IV edición do Millarock no mes de agosto
O festival Millarock é un dos eventos destacados deste verán. Deixouse de celebrar no ano 2011 tras nacer como un certame de bandas emerxentes unido á celebración dunha serie de concertos. O grupo gañador do certame recibía un premio en metálico e a oportunidade de tocar xunto a outros grupos no escenario.
No 2011 o gañador do certame, que si se mantivo maila cancelación do festival, foi Ith. Cinco anos despois a banda regresa ao Milladoiro para actuar xunto con Agoraphobia e Biribirlocke, grupo nado no concello de Ames. O Millarock celebrarase na Praza da Madalena do Milladoiro o venres 5 a partir das 21:00 horas. no marco das festas desta localidade.
Mes de setembro e actividades do departamento de Servizos Sociais
O domingo 11 de setembro, para facer máis leves e divertidos os días de volta á rutina, Totum Revolutum convida ao público a facer unha viaxe sen moverse no sitio. Unha aventura que comeza na Praza do Agro da Madalena, no Milladoiro, a partir das 13:00 horas e na cal a audiencia percorrerá distintas modalidades de circo. Pechará a programación cultural o show “Manualidades”, unha exhibición de trucos imposibles con obxectos que cobran vida mesturados con clown; será ás 13:00 horas no parque Rueiro de Bertamiráns.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade trae a exposición “Galicia-Cabo Verde. Unha Irmandade” ,do 3 ao 17 de setembro, á Casa da Cultura do Milladoiro. Un encontro intercultural terá lugar o sábado 17 nese mesmo lugar, a partir das 17:00 horas. Un programa específico sobre o encontro publicarase na páxina web municipal. O grupo musical Batuko Batanka, nado en Burela, achegarase ás 19:00 horas para amenizar a tarde.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que "tiñamos o compromiso de recuperar o Millarock no primeiro ano de goberno, despois de ser eliminado polo goberno anterior”. Ademais, engadiu "a programación cultural deste verán está á altura dun concello de máis de 30.000 habitantes cunha importante dinamizacion nas prazas e espazos públicos".
O pasado domingo Pablo Trasno estreaba a programación cultural estival de Ames. Facíao cun espectáculo na rúa, onde mesturaba humor, acrobacias e clown. E é nas rúas onde transcorrerán a meirande parte dos concertos e actividades que animarán os vindeiros meses. “Welcome”, narración do reencontro de dúas amigas, toma a testemuña do Trasno este domingo, 12 de xuño, ás 13:00 horas na Praza de Chavián de Bertamiráns. O grupo “De Vacas” son as seguintes na lista; formado por tres cantantes e un guitarrista este cuarteto recolle os grandes éxitos das emisoras de radio para darlles un toque persoal. Enrique Iglesias traducido ao galego ou unha versión do “Gangma Style” veñen incluídas na súa “playlist”. Sonarán o domingo 19 na praza de Manuel Murguía ás 13:00 horas.
Xa no mes de xullo son “As fillas bravas” as que toman a Praza da Maía de Bertamiráns,o domingo3 ás 13:00 horas.. Chévere trae unha peza teatral na que tres pandereteiras rachan cos estereotipos de xénero e reafirman modelos empoderados de muller. O venres 8 actúa no Pazo da Peregrina Sés, que presentará a partir das 22:00 horas o seu novo traballo “Tronzar os valos”. O “autoestopista intergaláctico” fará parada no aparcadoiro da Travesía do Porto o domingo 10 ás 13:00 horas. Con el chega un show de ciencia ficción, clown, malabares e un incrible despregue de vestiario. Pecha a programación de agosto unha xornada de encontros coa música tradicional; primeiro da man de Xabier Díaz, nun obradoiro de percusión que impartirá no Local Social de Agrón a partir das 10:30 horas. As persoas interesadas poden inscribirse chamando ao teléfono 981535940. Pola noite o músico actuará xunto con As Maianas, grupo de pandereteiras amesás, na Ponte Maceira a partir das 22:30 horas.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Vuelve el Millarock en la programación estival más callejera"




