[20-08-2016] 382.658 euros chegarán ao Concello de Ames en concepto de participación dos ingresos do Estado. Esta inxección de fondos chega despois de que a administración central cerrase definitivamente as contas do 2014 cunha liquidación positiva para as entidades locais, dado que o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas traspasara nese exercicio menos recursos dos que lle correspondían.
“Os Concellos teñen a oportunidade de utilizar os cartos que proveñen dese reparto positivo do Estado do xeito que mellor lles conveña, sen que teñan que investirse nun plan ou nunha área concreta e dedicándoos a facer aquelas actuacións que cada entidade local considere necesarias”, manifesta o alcalde de Ames. “O que si teremos é a limitación do teito de gasto que teremos que cumprir polo que non poderemos investir en novas actuacións superando este límite; en todo caso trataremos de ver a maneira de posibilitar o maior gasto posible en investimentos para a cidadanía”.
O Ministerio de Facenda e Administracións Públicas fai este reparto unha vez que cerra as contas de cada exercicio, sempre que a liquidación resulte positiva. O pasado exercicio, por exemplo, o balance foi negativo e dos concellos da comarca só A Baña recibiu cartos a maiores. O resto dos Concellos, incluído Ames, tiveron que reintegrar fondos ao Estado, ao ser a previsión maior á que logo se establecía nas cifras reais. Nesta ocasión o Concello de Ames é, despois do Concello de Compostela, o Concello da comarca que máis diñeiro percibirá do Estado tras a liquidación definitiva.
“Somos máis que un número”
Estes fondos “extras” que chegan aos Concellos desde a Administración Central teñen a peculiaridade de que non están destinados a un plan concreto senón que cada entidade local pode investilos no que considere máis oportuno co límite do teito de gasto. Os fondos repártense en base ao número de habitantes de cada poboación. O feito de que Ames conte cun censo de máis de 30.000 habitantes, colócao nun rango superior que fai que á hora de repartir este tipo de axudas reciba máis cartos que outros concellos.
Aínda así, para o alcalde de Ames o reparto debería ter en conta non só o número, senón tamén o tipo de poboación e as necesidades concretas dela: “Aínda que o número sexa o mesmo, unha poboación xove como a nosa, por exemplo, ten unhas necesidades concretas en canto a servizos especiais, educación, deporte, servizos sociais, servizos complementarios, infraestruturas, cultura etc, e creo que isto se debería ter en conta”, manifesta José Miñones. O alcalde traslada esta idea de que “somos máis que un número” en cada ocasión que ten oportunidade e diante de cada administración coa que establece contacto: “É necesario ter en conta as peculiaridades de cada poboación para poder aplicar medidas axustadas a esas particularidades”.




