Pestanas principais

Ames recibe o Premio Nacional de Calidade 2021 polo fomento de estilos de vida saudables

Venres, 12 de marzo de 2021

Unha vez máis, o Concello de Ames vén de ser recoñecido cun premio de renome. Neste caso, o “Premio Calidade” que outorga a RECS a concellos de máis de 20.000 habitantes. Ames recibe o premio na categoría de “Fomento de iniciativas que favorecen os estilos de vida saudables” por “Ames Saudable”, un programa que aglutina toda unha serie de actividades que fomentan os hábitos saudables, dun xeito transversal e buscando a equidade en saúde. Na proposta para optar ao premio, o Concello destacou “o papel enriquecedor e diferenciador que desempeña a nutricionista municipal ligada á Concellería de Promoción da Saúde”. Precisamente a nutricionista, Rosana Martínez, acompañaba esta mañá ao alcalde, Jose Miñones, e a concelleira de Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, na presentación do premio aos medios de comunicación.

O Premio Calidade, outorgado pola Rede Española de Cidades Saudables, que Ames gaña este ano, súmase a outros recibidos polo Concello nos últimos tempos como o Premio Progreso da Federación Andaluza de Municipios e Provincias polos servizos de conciliación ou o recoñecemento de Ciudad de la Ciencia e Innovación polo proxecto Innov@mes. No pasado mes de outubro de 2020, o Concello presentou o programa “Ames Saudable”, como proposta ao premio, que acada a súa terceira edición.

O fomento dunha alimentación saudable, a promoción da actividade física en todas as idades e a prevención de condutas aditivas con e sen sustancias, son os eixos sobre os que se sustenta o programa “Ames Saudable”. Na proposta ao premio da RECS, púxose de manifesto o feito de que o programa, dependente da Concellaría de Promoción da Saúde, lévase a cabo dun xeito transversal e buscando acadar a equidade no acceso a saúde. Tamén se destacou “o papel enriquecedor e diferenciador que desempeña a nutricionista municipal ligada á Concellería de Promoción da Saúde”.

O alcalde de ames, José Miñones destacou a importancia que este recoñecemento ten para o concello de Ames quedando por diante de cidades tan potentes como Murcia ou Palma de Mallorca, que foron premiadas tamén cun accésit. “É un gran recoñecemento para o Concello de Ames recibir premios por servizos que estamos a prestar. Esta distinción dá continuidade ao Premio Progreso, da Federación Andaluza de Municipios e Provincias, polo proxecto Concili@mes. Este é un recoñecemento ao un proxecto que aposta por un estilo de vida saudable para veciñanza de Ames. “Ames Saudable” engloba moitas áreas e servizos municipais, que están desenvolvéndose actualmente e que tamén xa veñen de atrás. Este é un premio no que se recoñece unha boa práctica, para que a teñan en conta outros concellos. É algo que xa sucedeu co premio Progreso, que fixo que outros concellos de España se interesasen polo modelo de comedores e servizos de conciliación de Ames. A realidade é que arredor de “Ames Saudable” hai moitos servizos postos en marcha, algúns máis coñecidos como o de fomento da actividade deportiva ou de envellecemento activo, pero moitos outros máis descoñecidos pero igualmente importantes como poden ser o Banco municipal de alimentos ou a campaña Que ninguén quede atrás, por poñer dous exemplos nada máis”.

Pola súa banda, a concelleira de Promoción da Saúde, Luísa Feijóo falou de todo o traballo que se agocha detrás de “Ames Saudable” e dos beneficios que está a provocar na cidadanía amesá: “este programa comeza cunha reformulación da Concellería de Sanidade dotándoa de contido e vinculando a técnica en nutrición a este servizo. Con este cambio conseguimos darlle un papel específico na promoción da saúde, en prevención, tratamento e a rehabilitación de enfermidades, a través tanto dunha alimentación saudable como da realización de actividade física e a prevención de consumos, o cal sen dúbida redunda nun beneficio na saúde física e emocional individual e colectiva da nosa poboación. Desta forma, dáse paso á figura actual con funcións vinculadas á saúde pública (prevención e promoción da saúde), actuando sobre a poboación en xeral, e coordinando dun xeito totalmente transversal as diferentes accións, e sobre todo garantindo que toda poboación, e en especial aquela que conta con menos recursos, poidan acceder a esta atención. Dende o departamento de Promoción da Saúde traballamos sempre dende a perspectiva de alcanzar a equidade en saúde”.

A nutricionista municipal, Rosana Martínez, explicou que para presentar este proxecto ao Premio Calidade, que outorga a RECS, partimos de programas que levan desenvolvéndose moitos anos en Ames, como poden ser as escolas deportivas e programas de fomento da actividade física entre as persoas maiores. Tamén se recolle o proxecto de alimentación saudable que se realiza a través da Rede de comedores escolares. Pero ademais foron organizándose novas actividade relacionadas coa promoción da saúde en función da demanda que fai a veciñanza na actualidade. Todo isto recolleuse na proposta presentada a este premio, de aí o nome do proxecto Ames Saudable, gaña saúde con cada paso”.

Rosana Martínez destaca tamén que “nos últimos anos puxéronse en marcha novas actividades relacionadas coa prevención e promoción da saúde. Deste xeito, puxéronse en marcha as rutas e andainas saudables, que permiten realizar actividade física e tamén socializar con outras persoas. Tamén se puxeron en marcha os faladoiros saudables nos que se abordan cuestións relacionadas coa alimentación, enfermidades como a hipertensión, etc. O obxectivo é promocionar a saúde entre a veciñanza e que cada veciño/a lle dedique un anaco do día a camiñar e a coidarse, porque iso é a saúde física e emocional. Este programa é moi transversal porque implica a moitos outros departamento como poden ser deportes, mobilidade, voluntariado, igualdade, educación, transición ecolóxica, etc. A Concellaría de Sanidade apenas ten competencias a nivel local, pero hai moitos xeitos de promocionar a saúde, e iso é o que estamos facendo dende este departamento, implicar á veciñanza para que se coide tendo presentes tres piares básicos como son a alimentación saudable, a realización de actividade física, e maila prevención de condutas aditivas”.

Premio de Calidade da Rede Española de Cidades Saudables
Co obxectivo de recompilar e difundir as actuacións que están desenvolvendo os Gobernos Locais no ámbito da saúde local, a Rede Española de Cidades Saudables convocou a terceira edición deste certame. A RECS, que leva organizando proxectos dende o ano 1988, pretende favorecer o intercambio e a difusión de experiencias locais que contribúan a mellorar a saúde e o benestar da cidadanía.

Para facilitar a oportunidade de presentar diferentes proxectos, a Rede Española de Cidades Saudables estableceu categorías diferentes: ao “Fomento dun Desenvolvemento Urbano Saudable e Sostible”, ao “Desenvolvemento da Acción Comunitaria como medida de protección social y de promoción da saúde” e un último premio na categoría especial “Covid-19”.

O Concello de Ames, que participou co programa “Ames Saudable”, gañou na categoría de calidade ao “Fomento de iniciativas que favorecen Estilos de Vida Saudables”. Nesta sección tamén foi premiado o concello de Santa Úrsula, en Tenerife.

Programa Ames Saudable
Consellos de alimentación, atención ao público e deseño de menús para os comedores escolares, as escolas infantís e os programas de conciliación, andainas programadas nas que colaboran os Centros de saúde, charlas e obradoiros sobre nutrición, prevención de condutas aditivas, coidados do corpo e da mente, programas de envellecemento activo, clases de ioga, de pilates, de danza, de memoria, de música, de ximnasia terapéutica... O proxecto “Ames Saudable”, dependente da Concellería de Promoción da Saúde, aglutina toda unha serie de propostas dirixidas a todas as idades e encamiñadas a dotar de información e recursos á cidadanía, e ten como fin último lograr un concello cada vez máis saudable e un maior benestar dos veciños e veciñas, fomentando a participación e estilos de vida saudables

Un dos últimos proxectos de “Ames Saudable” foron o salto ás redes sociais durante o primeiro confinamento para poder dar continuidade ao que se viña facendo de xeito presencial e poder seguir ofrecendo recursos á veciñanza para que continuase coidando corpo e mente. Tamén recentemente púxose en marcha a Escola Municipal de Saúde, que arrancou cos obradoiros “Mulleres que se coidan, coida de ti”. Trátase dunha actividade anual composta por diferentes actividades, como ioga terapéutico, clases para coidar a saúde física e emocional, faladoiros sobre autocoidados, sensibilización, empoderamento, etc. O programa púxose en marcha no mes de outubro de 2020.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Premio por los estilos de vida saludables para Ames"

Presentación premio RECS.

Multimedia

  • Presentación premio RECS.
  • Presentación premio RECS.
  • Embedded thumbnail for