Pestanas principais

Ames recibe o mes de xullo cunha nova edición de Bibliopiscinas

Luns, 01 de xullo de 2019

O Concello de Ames dálle a benvida ao verán cunha nova edición do servizo de Bibliopiscinas, que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto nas piscinas descubertas de Bertamiráns e Milladoiro, así como na área recreativa de Tapia. Esta iniciativa, impulsada pola Concellaría de Cultura, ten como obxectivo achegarlle á veciñanza os servizos tradicionais das bibliotecas a estas zonas de ocio, para que poidan gozar dos libros, xogos, contos, xornais e outras actividades mentres se refrescan. Nestes primeiros días de xullo, este servizo non se desenvolverá na piscina do Milladoiro por mor dos traballos de acondicionamento que se están a realizar nas instalacións.

Esta tarde bota a “nadar” o servizo de Bibliopiscinas de Ames na piscina descuberta de Bertamiráns. Así, as Bibliopiscinas desenvolveranse en horario de 16.00h a 20.00 horas, de luns a venres na piscina descuberta de Bertamiráns, e de martes a domingo na praia fluvial de Tapia. O programa tamén estará dispoñible nas próximas semanas na piscina descuberta do Milladoiro, que permanece pechada debido aos traballos de acondicionamento que se están a realizar nas súas instalacións.

Estas actividades de animación á lectura que se levarán a cabo durante o verán nestas zonas de ocio do municipio dan continuidade ao programa de animación á lectura que se desenvolve nas bibliotecas durante o resto do ano. A través desta iniciativa, a Concellaría de Cultura trata de facer máis divertidas as tardes de sol para pais, nais e fillos/as, ao tempo que busca incentivar o hábito da lectura. Este ano, ao igual que en anteriores edicións, este servizo é prestado pola empresa amesá Órbita Infantil.

Este servizo conta con monitores e monitoras especializadas, que supervisan un amplo abano de actividades como contacontos, obradoiros, manualidades, murais, etc. Asemade, cóntase con libros, xogos tradicionais, xogos de mesa e demais xoguetes. Mediante esta iniciativa búscase fomentar o hábito lector entre a poboación infantil do concello dun xeito lúdico-recreativo, lonxe do marco cotiá dos colexios e estudios.

Ligazóns:

Compostela 24 horas: "Volven as Bibliopiscinas a Ames nun novo verán"

Bibliopiscinas en Tapia