O Concello de Ames vén de recibir a comunicación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades na que se lle comunica que a candidatura presentada a través do proxecto Inno@mes foi merecedora da distinción de “Ciudad de la Ciencia y la Innovación”, na convocatoria correspondente ao ano 2018, outorgada mediante resolución da Secretaria de estado de Universidades, Investigación, Desarrollo e Innovación. Deste xeito, Ames pasa a ser o quinto concello de Galicia con este galardón. Ames pasa a formar parte dos 72 Concellos que conforman a Red Impulso e dos 5 de toda Galicia con Vigo, Coruña, Santiago e Riveira.
O concello de Ames leva varios anos impulsando a innovación e o desenvolvemento de empresas innovadoras no seu termo municipal, mostrando con iso a súa aposta por un modelo de cidade innovadora e que aposta decididamente por converterse nun polo de atracción para proxectos e empresas que queiran desenvolver a súa actividade no municipio amesán. Proba diso é a crecente aposta orzamentaria e de accións que nos últimos anos se promoveron e executaron por parte do goberno municipal, en materia de organización municipal, infraestruturas formativas e de emprendemento, melloras nos ámbitos dixitais e tecnolóxicos ou xerando unha actitude favorable para xerar un ecosistema favorable ao emprendemento que permitiu converter a Ames nun municipio referente como vén sendo o foro sectorial Innova Ames.
Deste xeito, o obxectivo é que Ames se converta nun foco de implantación de entidades, star ups, iniciativas e proxectos empresariais referentes no campo da innovación, spin off das universidades a tecnoloxía, o audiovisual ou campos innovadores como a agroalimentación, desenvolvemento industrial, transformación alimentaria; etc…; como un modelo de cidade que aposta polo coñecemento, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.
Dita aposta plasmouse coa presentación do proxecto Inno@mes, mediante o cal se pretende consolidar esa tendencia de emprendemento innovador convertendo o municipio amesán nun polo de constante atracción da investigación, o desenvolvemento e a innovación en todos os seus campos de funcionamento: cidadán como administración, económico como entidade promotora de espazos empresariais e industriais e tamén na súa definición como cidade sustentable que aposta polo coñecemento e a calidade de vida como proxecto de futuro.
O devandito proxecto Inno@mes foi desglosado en tres apartados: datos do concello (no que se incluíu un plan de innovación); unha memoria (con bloques sobre a cidadanía, organización e empresa, así como sobre o fomento da compra pública innovadora e os apoios recibidos a candidatura amesá); e unha táboa resumen dos proxectos. Dito proxecto mereceu que o Concello de Ames reciba a distinción de “Ciudad de la Ciencia y la Innovación”, por parte do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, dentro da convocatoria correspondente ao ano 2018.
Dende o Concello sinálase que este ambicioso proxecto, xunto co espazo colaborativo Coworking, van a supoñer unha transformación do concello e Ames xa destaca por ser un municipio punteiro no sector das novas tecnoloxías. Este logro ten un alto valor xa que permitirá seguir medrando e facer unha aposta decidida pola innovación, optando a financiamento nesta mesma liña, así como a proxectos comúns co resto de cidades.
Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación
A concesión da citada distinción permítelle ao municipio de Ames acceder á condición de membro da Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación (Rede Impulso), feito que sen dúbida favorecerá a actividade que xa vén desenvolvendo de maneira importante no campo da investigación e do desenvolvemento da innovación. Ademais, servirá para dar o salto en materia de investimentos, foros sectoriais, e eventos de referencia en innovación. Deste xeito, Ames pasa a formar parte da prestixiosa Red Innpulso (https://redinnpulso.net/) que abrirá as portas do Concello a un gran número de oportunidades.
En Galicia son catro os Concellos que xunto a Ames forman parte da devandita rede; as tres grandes cidades Vigo, A Coruña e Santiago, xunto ao Concello de Riveira. En total son 72 os Concellos que forman parte na actualidade da Red Innpulso e a través dela poderanse realizar proxectos conxuntos de cara a unha aposta decidida pola innovación, ademais do impulso orzamentario en compra pública.
Dende a Concellería de Promoción Económica destacan a boa nova que esta distinción supón para o Concello de Ames en xeral, e o parque empresarial de Milladoiro en particular, que segue a destacar polo carácter innovador das súas empresas e que agora atoparán un espazo común xunto co Concello.






