Pestanas principais

Ames recibe 5.000 euros da Obra Social “la Caixa” que destinará a un proxecto de loita contra a pobreza infantil

Luns, 01 de decembro de 2014

[01-12-2014] O Concello de Ames recibiu este luns unha achega de 5.000 euros da Obra Social “la Caixa”. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a directora de área de CaixaBank en Santiago, María Jesús González, asinaron un convenio de colaboración que permitirá desenvolver un proxecto de loita contra a pobreza infantil e a exclusión social en Castiñeiro do Lobo. Neste lugar ubicado na parroquia de Ames, unha grande parte da poboación vive en difíciles condicións, tanto económicas como sociais, e o absentismo escolar é moi elevado.

Esta iniciativa municipal vai encamiñada a facilitarlle ferramentas ás familias  para paliar a súa problemática. A través dun técnico e un animador sociocultural traballarase dende idades moi temperás concienciando aos pais e nais da necesidade de que os seus fillos poidan cursar os seus estudos, asimilen normas de comportamento e teñan acceso a diferentes actividades extraescolares.  

Durante a temporada 2012-2013 desenvolveuse un programa semellante que contou cunha alta participación. Preto dunha vintena de nenos asistían diariamente as sesións que levaron a cabo un grupo de voluntarios municipais. Agora, serán un total de corenta rapaces e rapazas os que poderán beneficiarse deste proxecto ao longo do presente curso.  

Amor expresou o seu agradecemento a “la Caixa” por colaborar con esta acción “que amosa, unha vez máis, a extraordinaria sensibilidade social e humana do Concello, neste caso, cara a un colectivo en situación de risco desde o momento en que nacen”.  

Pola súa parte, María Jesús González, indicou que “como entidade sensible ás demandas dos cidadáns, queremos apoiar aquelas iniciativas locais que atendan as súas necesidades”. González trasladoulle ao alcalde a satisfacción “de todos os empregados da oficina bancaria de Ames” de poder colaborar nunha das iniciativas sociais máis relevantes do municipio.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Varios municipios de Terras hacen una llamada solidaria"
La Voz de Galicia: "Ames crea un plan contra la pobreza para 40 niños de Castiñeiro do Lobo"