Pestanas principais

Ames realiza unha campaña de educación ambiental en relación á reciclaxe do aceite doméstico

Martes, 19 de febreiro de 2019

[19-02-2019] A Concellaría de Medio Ambiente está realizando unha campaña de educación ambiental en relación á reciclaxe do aceite doméstico, que consiste nunha serie de charlas que está impartindo o persoal da empresa Compostela Inserta, contratada polo Concello de Ames, nos CEIP de Barouta, Agro do Muíño, e A Maía. Nestas charlas explícaselle ao alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria a importancia de separar o lixo en orixe, así como a reciclaxe do aceite doméstico. Para iso entregáselle un embude a cada un dos nenos/as, para facilitar a reciclaxe nos fogares, e un mapa coa distribución dos colectores de aceite que existen no termo municipal.


Colectores de recollida de aceite usado
Os colectores de recollida de aceite usado están repartidos do seguinte xeito: 8 colectores en Bertamiráns (4 na avenida da Maía e 1 nas seguintes rúas: Arrucheiro, Alcalde Lorenzo, Camiño Novo e Poeta da Maía); 12 no Milladoiro (4 en Rosalía de Castro e 1 nas seguintes zonas: Praza de Manuel Murguía con Raxoeira, Agro do Medio, Costa Grande, Estivada de Castelao, Madalena, Palmeiras, Pardiñeiros e na Casa da Cultura); 1 nas urbanizacións de Aldea Nova e Mimosas; e 1 colector en cada unha das cinco parroquias máis poboadas do concello; Ames, Bugallido, Covas, Biduído e Ortoño (na urbanización de Agro do Muíño). Nas seis parroquias restantes colocouse un bidón nos locais sociais de cada unha delas.

O concelleiro de medio Ambiente, Javier García, destaca a importancia “de que os nenos e nenas coñezan de primeira man a importancia que ten reciclar o aceite doméstico usado, xa que ten un alto impacto ambiental. O obxectivo é que os rapaces e rapazas impliquen a toda a familia na reciclaxe. O aceite nos ríos incrementa a carga contaminante creando capas na superficie da auga que impiden o paso do osíxeno e con iso o desenrolo da vida acuática. Ademais, co aceite procedente do fogar prodúcese biodiésel, podéndose usar como combustible, xa que as emisións do biodiésel son menos contaminantes”, indica Javier García.

No pasado mes de decembro a Concellaría de Medio Ambiente puxo en marcha unha campaña co obxectivo de favorecer a reciclaxe do aceite doméstico. Para iso repartíronse embudes co obxectivo de facilitar a reciclaxe deste produto desde os fogares. Ditos embudes pódense recollerse na oficinas do departamento de Medio Ambiente, situadas na Casa do Concello, en Bertamiráns; e na conserxería da Casa da Cultura do Milladoiro.

Con esta campaña búscase concienciar á poboación da importancia da reciclaxe do aceite doméstico, diminuír a carga contaminante nos ríos e mares e rendabilizar o funcionamento das depuradoras. Asemade, quérese facer fincapé na importancia de que sexa precisamente o aceite usado unha das formas de fabricar biodiésel, carburante menos contaminante.

Agora, dáse un paso máis dentro desta campaña para fomentar a reciclaxe do aceite doméstico entre o alumnado dos colexios de Ames. Deste xeito, a semana pasada impartíronse unha serie de charlas nos CEIP de Barouta e Agro do Muíño, para explicarlle ao alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria a importancia de separar o lixo en orixe, así como a reciclaxe do aceite doméstico. Estas mesmas charlas vanse a impartir esta semana entre o alumnado do CEIP da Maía. Ao final da actividade entrégaselle un embude a cada un dos nenos/as, para facilitar a reciclaxe nos fogares, e un mapa coa distribución dos colectores de aceite que existen no termo municipal.

As charlas de sensibilización son impartidas a través do persoal da empresa Compostela Inserta. O obxectivo de dita campaña é fomentar que o alumnado tome conciencia e comence a facer unha xestión eficiente dos residuos, en especial do aceite, e impulse a toda a familia a implicarse na reciclaxe.

Contido relacionado


Compsotela 24 horas: "Educación ambiental para os nenos e nenas de Ames"