Pestanas principais

Ames Radio volve emitir os programas radiofónicos realizados pola cidadanía

Luns, 22 de xaneiro de 2018

[22-01-2018] A radio municipal retoma esta semana a emisión dos programas radiofónicos realizados pola veciñanza. Así, neste primeiro trimestre de 2018, serán sete os proxectos que formarán parte da grella radiofónica de Ames Radio. Os programas, que serán unha continuación dos previamente emitidos ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro, abordarán temas tan diversos como a educación das fillas e fillos, a diversidade cultural ou o patrimonio histórico do concello e de Galicia.

A primeira das emisións desta semana será o mércores, 24 de xaneiro. As e os ouvintes da radio municipal poderán escoitar, a partir das 17:00 horas, o programa “De museo”, cuxo obxectivo é divulgar o patrimonio histórico e cultural de Ames e de Galicia, facendo fincapé na súa posta en valor.

“Tangos en la esquina sur” será o programa encargado de difundir a música, a historia e as personaxes máis coñecidas do tango, todos os xoves, ás 17:00 horas. Así mesmo, o programa “Miradas” tamén se emitirá os xoves, neste caso, ás 21:30 horas para abordar, como xa o veu facendo ao longo destes meses, diferentes técnicas de desenvolvemento persoal, coa finalidade de favorecer o equilibro e o benestar a través de entrevistas e experiencias con profesionais locais. Os xoves, a programación rematará ás 22:0 horas co espazo “Contrapunto”, que difundirá a música feita en Ames e a súa contorna. O programa incluirá, alén dunha axenda semanal de concertos, entrevistas e actuacións en acústico. “Contrapunto” pasa así a emitirse en horario de noite, logo de virse escoitando os xoves pola tarde durante o pasado trimestre.

Os venres, ás 17:00 horas, emitirase “Ames Network”, un programa semanal de media hora de duración que achegará información acerca das ferramentas 2.0 e das redes sociais orientada, entre outras cousas, á mellora da marca persoal, ao reforzo do emprendemento na internet e ao coñecemento das particularidades e rendemento dos medios dixitais de comunicación e das redes sociais. Posteriormente, ás 17:30 horas, emitirase “Pais na Onda”, un programa no que as nais e os pais poderán resolver as súas dúbidas en relación á crianzas das fillas e fillos. Este espazo tamén ofrecerá información acerca daquelas actividades municipais que posibiliten o crecemento e o goce en familia.

Por motivos de axenda, o programa “Vivirmos nun mundo finito” comezará as súas emisións o luns 29 de xaneiro, a partir das 17:00 horas. O programa, que é realizado pola Asociación Ames Pospetróleo, pretende difundir entre a veciñanza os problemas derivados do final da enerxía fósil, así como as súas consecuencias para a vida cotiá e o que cada quen pode facer á hora de afrontar esta problemática. A emisión deste programa continuará ao longo deste primeiro trimestre de 2018.

Após as vacacións de Nadal, os proxectos radiofónicos da cidadanía volven a Ames Radio. Ao longo dos meses de xaneiro, febreiro e marzo, a radio municipal será a encargada de facilitar o espazo físico, o equipamento e o persoal técnico preciso para as gravacións. Os programas comezaron a emitirse o pasado mes de outubro.