Pestanas principais

Ames Radio retoma as emisións dos programas de Radio Cidadá

Venres, 21 de xaneiro de 2022

Logo dun breve paréntese por mor das festas de Nadal, a radio municipal retomou a emisión dos programas radiofónicos realizados pola veciñanza. Así, xa podemos seguir escoitando os 12 programas que forman parte da grella de Ames Radio ata o próximo mes de xuño. Neles, abórdanse temas tan diversos como a o patrimonio histórico e cultural do concello, saúde, arte ou a divulgación de coñecementos culturais e musicais. Por mor de causas laborais e de saúde, houbo catro propostas máis que non puideron incorporarse á grella de emisión, como nun principio estaba previsto.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Comunicación, puxo en marcha unha nova convocatoria de programas de Radio Cidadá, cos que a radio municipal abre ás súas portas á veciñanza amesá para facer o seu propio programa de radio. Dentro desta convocatoria, son sete os programas que repiten en relación convocatorias anteriores: Miradas, Tangos de la Esquina Sur, Vivirmos nun mundo finito, De museo, Las Carabelas del Siglo XXI, Fálame da túa terra e O Protocolo é para todos. Son proxectos xa coñecidos pola audiencia de Ames Radio  e consolidados na grella de emisión da emisora municipal.

Ademais, son cinco as novas propostas incluídas nesta terceira convocatoria: Espazo Brétema, un programa no que se fala sobre a historia da arte e a cultura dunha maneira distendida e facilitando ás e aos oíntes a aprendizaxe neste eido; Exército Mekemeke, unha proposta chea de aire fresco e moito humor na que se abordan temas de actualidade e inquedanzas que se identifican, sobre todo, coa mocidade; Saúde bucodental e estética, un espazo a través do que o doutor Eduardo Aullón pretende difundir a importancia de ter unha boa saúde bucodental, coa aplicación de diferentes técnicas e tratamentos; Fusiones, un programa para observar e reflexionar sobre como a música se conecta coas nosas vivencias en espazos físicos e temporais; e Vaide Retro, unha proposta alternativa coa que, a través da música e dos coñecementos, descubriremos ou lembraremos o que se facía en décadas pasadas.

Periodicidade

Desta volta, son cinco programas dentro da grella de Ames Radio os que podemos escoitar semanalmente: Vivirmos nun mundo finito, os luns ás 19:30 horas; Exército Mekemeke, os martes ás 19:00 horas; Fusiones, os xoves ás 19:00 horas; Tangos de la Esquina Sur, os venres ás 21:30 horas; e Las Carabelas del S.XXI, que se emite todos os sábados ás 10:00 horas.

Ademais, de xeito quincenal podemos escoitar outros tres programas, como Saúde Bucodental e Estética, os mércores ás 19:00 horas; De Museo, o mesmo día ás 19:30 horas; e Vaide Retro, tamén os mércores en semanas alternas, ás 19:30 horas.

Asemade, a programación de Radio Cidadá complétase con catro propostas de carácter mensual: Espazo Brétema, os luns ás 18:30 horas; Fálame da túa terra, os martes ás 18:30 horas; Miradas, os mércores ás 21:30 horas; e O Protocolo é para todos, os xoves ás 18:30 horas. Para coñecer con exactitude os días de emisión dos programas quincenais e mensuais, podes consultar a axenda de programación en amesradio.gal.

A concelleira de Comunicación, Natividade González, destaca que “a Radio Cidadá é un dos proxectos máis innovadores e únicos que temos no noso concello. Facer participe á cidadanía, a través da colaboración voluntaria con Ames Radio, é moi enriquecedor para a nosa emisora. Deste xeito, súmanse novas temáticas, coñecementos e intereses que aportan diversidade e variedade á programación da emisora”.

Exército Mekemeke (Miguel, Carlos e Xabi)

Multimedia

  • Espazo Brétema (Jennifer, Sandra e Marina)
  • Las Carabelas del Siglo XXI (Fracisco Javier Salas)
  • O Protocolo é para todos (Conduce Margarita Murillo)
  • Tangos de la Esquina Sur (Daniel Rilo)
  • Vivirmos nun mundo finito (Manuel Casal)