Pestanas principais

Ames Radio estrea un espazo de psicoloxía

Sábado, 17 de setembro de 2011

[17-09-2011] ¿Para que serven os soños?, ¿Como superar unha ruptura de parella?, ¿Que facer para gañar autoestima? ou ¿Como poñer límites sen caer no autoritarismo? son algunhas das preguntas que terán resposta no espazo “Ondas da mente” que desde o día 16 de setembro se emite na Radio Municipal de Ames, no marco do magazine “Somos Ames”, os venres en horario de doce a unha e media do mediodía e de oito a dez da noite. Concha Rodríguez, psicóloga especializada en clínica e psicoloxía familiar, coordinadora da Comisión de Xénero do Colexio de Psicólogos e psicoterapeuta do “Programa de Atención ás vítimas da violencia de xénero” que realiza o Colexio de Psicólogos en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, estará con Nazaret López, condutora do programa, para orientar aos oíntes na busca da súa realización persoal e dunha mellor saúde mental. Todas as persoas que o desexen poderán suxerir temas e facer preguntas a través do teléfono 981 89 04 52 e do enderezo electrónico radio@concellodeames.org.

"Ondas da mente" inicia a súa andaina analizando o chamado síndrome post-vacacional. O espazo responderá en sucesivas entregas a preguntas tales como: ¿Que nos pode axudar a afrontar os duelos?, ¿Como prepararnos para os cambios que supón que os fillos marchen da casa ou que os pais veñan vivir con nós cando se fan maiores?, ¿Como nos inflúe animicamente o cambio de hora? ¿Para que nos serve o medo? ¿Porque mulleres e homes reaccionamos de xeito diferente fronte á enfermidade?, ¿Que nos axuda a durmir mellor?, ¿Como reaccionar diante dos caprichos de nenos e adolescentes? ¿Como xestionar de forma positiva o medo e a ira? e ¿como vivir dun xeito axeitado calquera tipo de emocións? Os oíntes poderán consultar dúbidas e suxerir temas enviando un correo á o enderezo electrónico radio@concellodeames.org. Ou chamando, en horario de mañá ao teléfono 981 88 49 91.

Concha Rodríguez é licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Santiago, especialista en clínica e mestra en Psicoloxía familiar e matrimonio pola Universidade americana de Meryland. Ademais a nova colaboradora de Ames Radio é coordinadora da Comisión de Xénero do Colexio de Psicólogos e psicoterapeuta do "Programa de Atención ás vítimas da violencia de xénero" que realiza o Colexio de Psicólogos en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade dependente da Consellaría de Traballo.

O espazo emitirase todos os venres en horario de doce a unha e media do mediodía e de oito a dez da noite na Radio Municipal no 107.2.