[19-03-2014] A emisora municipal Ames Radio comezou a ofrecer o servizo de emisión a través da internet, despois de estar un tempo en probas. Nestes últimos días, os técnicos estiveron realizando as correspondentes actuacións para que a emisión da radio municipal de Ames en streaming a través da rede sexa posible, ampliando deste xeito o numero de oíntes aos que chega diariamente. A paxina web municipal, www.concellodeames.org, inclúe un banner a través do que os cidadáns poden acceder á programación da radio municipal. Ademais, a radio continua coa súa emisión habitual e poderá sintonizarse a través do 107.2 da FM.
A emisión de Ames Radio a través da internet foi un dos puntos abordados na comisión de seguimento da radio municipal. Na última reunión desta comisión, o Goberno amiense entregoulle aos concelleiros da oposición toda a información solicitada. Deste xeito, achegoulle aos membros da comisión unha ampla documentación entre a que se atopaba: cálculo de custes, proposta de espazos para grupos políticos e concelleiros non adscritos, programación, orzamento para a ampliación da cobertura ou informes técnicos.
O Executivo amiense é consciente da necesidade de mellorar e potenciar a radio municipal e está dando os pasos para acadalo nun momento económico no que a cidadanía amiense reclama outras actuacións máis prioritarias.
Ames Radio ten unha programación deseñada pensando na prestación dun servizo público. A súa grella componse con espazos adicados á información, á música, ao entretemento e á cultura nos que os temas da vida cotiá se tratan dunha forma participativa e próxima aos veciños amienses.




