[04-04-2016] A Radio Municipal comeza este luns a emisión de “Espazos Políticos”, programa no que, cada 15 días, comparecerá unha persoa dos sete partidos con representación política en Ames. O programa emitirase en horario de 12:00 a 12:30 horas. O segundo xoves desa quincena, na mesma franxa horaria, emitirase unha tertulia política en torno á actualidade amesá na que participarán xornalistas de La Voz de Galicia e El Correo Gallego e os directores das publicacións Amesgo!, Lindeiros e Ames@diario. Os venres, para pechar cada quincena, emitirase o programa "O Goberno responde", na que o alcalde e membros do goberno responderán ás preguntas e inquedanzas da veciñanza. Todos estes espazos reemitiranse cada día a partir das 20:30 horas na 107.2 e na páxina web municipal concellodeames.gal.
A primeira semana de "Espazos Políticos" as quendas estableceranse do seguinte xeito: os luns estará en Ames Radio Cidadáns de Ames, o martes PactoxAmes, o mércores Partido Popular e os xoves Ames Novo. Na semana seguinte o luns participará o BNG, o martes Contigo Pódese e o mércores o Partido Socialista de Ames.
Entre os xornalistas que acudirán ao Faladoiro dos xoves atópanse Emma Araujo e Marcos Manteiga, que se ocupan respectivamente da información de Ames en La Voz de Galicia e El Correo Gallego; e Manel Pardo, Xabier Carnota e Alex Righi, directores das publicacións mensuais Lindeiros, Amesgo! e Ames@diario.
Reemisión do magacín "Somos Ames" todas as tardes ás 20:30 horas
A emisora municipal reemitirá ademais, de luns a venres, a revista informativa "Somos Ames", un espazo radiofónico que se emite en directo na 107.2 entre as 12:15 e as 13:30 horas do mediodía.
"Somos Ames" é un programa de crónicas, entrevistas e reportaxes en torno á actualidade e a historia do Concello de Ames. Todo cando concirne á vida municipal e á veciñanza- cultura, economía, deporte, educación, sanidade, infraestruturas- ten cabida neste espazo radiofónico.




