Pestanas principais

Ames Radio comeza a emitir os "Espazos Políticos" e o programa "O goberno responde"

Venres, 30 de decembro de 2016

[30-12-2016] A radio municipal, Ames Radio, comeza este luns, 2 de xaneiro, a emisión dos “Espazos Políticos”, un espazo radiofónico que se desenvolverá de luns a xoves, en horario de 12:00 a 12:30 horas. A maneira de enfocar este espazo (participantes, contidos, estilo...) é responsabilidade exclusiva de cada grupo político municipal. Ademais, o segundo xoves de cada quincena, na mesma franxa horaria, emitirase o programa "O Goberno responde", na que o alcalde e os membros do goberno responderán ás preguntas e inquedanzas da veciñanza. Estes espazos e o magazín “Somos Ames” reemitiranse cada día a partir das 20:00 horas na frecuencia 107.2.

Tal e como se aprobou na última xuntanza da Comisión de Traballo da Radio Municipal, celebrada o pasado 24 de novembro de 2016, en relación á nova programación, o vindeiro luns, 2 de xaneiro de 2017, comezan os Espazos Políticos, que se desenvolverán de luns a xoves, en horario de 12:00 a 12:30 horas. A maneira de enfocar este espazo (participantes, contidos, estilo...) é responsabilidade exclusiva de cada grupo político municipal, aínda que cumprirá acordar co persoal da radio os aspectos técnicos coa debida antelación.

A quenda de intervencións nos Espazos Políticos será sempre a mesma, tendo en conta a representación e o número de votos acadados nas últimas eleccións municipais por cada un dos grupos políticos municipais. A orde inicial en xaneiro, segundo o acordado, será a seguinte e repetirase consecutivamente cada quincena: o luns 2 intervirá o concelleiro non adscrito, Javier López, o martes 3 tocaralle ao BNG, o mércores 4 será a quenda de Pacto por Ames e o xoves 5 tócalle ao grupo municipal de Contigo Pódese.

Na segunda semana de cada quincena o orde será o seguinte: o luns participará Ames Novo, o martes o Partido Socialista e o mércores o grupo municipal do Partido Popular. Para pechar cada quenda, o segundo xoves de cada quincena, na mesma franxa horaria, emitirase o programa O Goberno responde, na que o alcalde e membros do goberno responderán ás preguntas e inquedanzas da veciñanza tanto por teléfono 981 890 452 como enviando un correo electrónico ao enderezo atencioncidada@concellodeames.gal.

Asemade, na última xuntanza da Comisión de Traballo da Radio Municipal aprobouse a proposta de programación da radio municipal, na que están incluídos os Espazo Políticos e O Goberno responde, que se irá incrementando con novos contidos e programas ao longo do vindeiro ano. Con estes cambios na programación, o magazín Somos Ames, emitirase de luns a xoves de 12:30 a 13:30 horas, e os venres de 12:00 a 13:30 horas, co fin de poder abordar todos os eventos e actividades que se desenvolven a fin de semana en Ames.

Reemisión dos Espazos Políticos e de Somos Ames
Ademais, a emisora municipal reemitirá, de luns a venres, os Espazos Políticos, o espazo de O Goberno responde, e a revista informativa Somos Ames, en horario de 20:00 a 21:30 horas. Somos Ames é un programa de crónicas, entrevistas e reportaxes en torno á actualidade e a historia do Concello de Ames. Todo cando concirne á vida municipal e á veciñanza -cultura, economía, deporte, educación, sanidade, infraestruturas- ten cabida neste espazo radiofónico.