[11-01-2017] A radio municipal, Ames Radio, comeza este xoves, 12 de xaneiro, a emisión do programa "O Goberno responde", na que o alcalde e os membros do goberno responderán ás preguntas e inquedanzas da veciñanza. Os veciños e veciñas que desexen formular as súas inquedanzas ou dúbidas sobre calquera asunto de índole municipal, poden facelo chamando ao número de teléfono 981 890 452 ou enviando un correo electrónico ao enderezo atencioncidada@concellodeames.gal. Este espazo radiofónico emitirase de xeito quincenal, en horario de 12:00 a 12:30 horas.
Tal e como se aprobou na última xuntanza da Comisión de Traballo da Radio Municipal, celebrada o pasado 24 de novembro de 2016, en relación á nova programación, este xoves, 12 de xaneiro de 2017, comeza a emitirse o programa O Goberno responde, na que o alcalde e membros do goberno responderán ás preguntas e inquedanzas da veciñanza tanto por teléfono 981 890 452 como enviando un correo electrónico ao enderezo atencioncidada@concellodeames.gal.
Asemade, o pasado luns 2 de xaneiro comezaron a emitir na radio municipal os Espazos Políticos, que se desenvolven de luns a xoves, en horario de 12:00 a 12:30 horas. A maneira de enfocar este espazo (participantes, contidos, estilo...) é responsabilidade exclusiva de cada grupo político municipal, aínda que cumpre acordar co persoal da radio os aspectos técnicos coa debida antelación. A quenda de intervencións nos Espazos Políticos é sempre a mesma, tendo en conta a representación e o número de votos acadados nas últimas eleccións municipais por cada un dos grupos políticos municipais.
Deste xeito, a quenda de intervencións de cara a vindeira quincena será a seguinte: o luns 16 intervirá o concelleiro non adscrito, Javier López, o martes 17 tocaralle ao BNG, o mércores 18 será a quenda de Pacto por Ames e o xoves 19 tócalle ao grupo municipal de Contigo Pódese. Na segunda semana de cada quincena o orde será o seguinte: o luns 23 participará Ames Novo, o martes 24 o Partido Socialista e o mércores 25 o grupo municipal do Partido Popular. A quenda de intervencións péchase o segundo xoves de cada quincena co espazo de O Goberno responde.
Con estes cambios na programación, o magazín Somos Ames, emitirase de luns a xoves de 12:30 a 13:30 horas, e os venres de 12:00 a 13:30 horas, co fin de poder abordar todos os eventos e actividades que se desenvolven a fin de semana en Ames. Ademais, a emisora municipal reemite, de luns a venres, os Espazos Políticos, o espazo de O Goberno responde, e a revista informativa Somos Ames, en horario de 20:00 a 21:30 horas.