Pestanas principais

Ames Radio abre unha nova convocatoria de Radio Cidadá

Venres, 16 de setembro de 2022

Ames Radio pon un ano máis os seus micrófonos a disposición da cidadanía para a elaboración de programas de radio. Calquera persoa, asociación ou entidade pode presentar os seus proxectos desde hoxe e até o día 30 de setembro enviando a ficha de solicitude ao correo electrónico radio@concellodeames.gal. Aceptaranse proxectos presentados por entidades, asociación ou persoas non empadroadas no concello sempre que as súas propostas resulten de interese para o municipio amesán ou estean protagonizadas por persoas residentes, nadas ou que traballen en Ames. Cada proxecto deberá ser presentado por unha persoa coordinadora que deberá ter un mínimo de 18 anos de idade. Pódense consultar todos os detalles nas bases que regulan a Radio Cidadá neste enlace.

Poderán presentar propostas para a grella de Radio Cidadá asociacións e entidades do concello e calquera persoa maior de 18 anos ou de 16, neste último caso baixo a responsabilidade de algún dos seus proxenitores ou titores. Os interesados e interesadas deberán cubrir un modelo de solicitude indicando o título, obxectivos e descrición do programa, temas e público ao que vai dirixido, periodicidade, duración e día e hora de emisión suxerido. Ames Radio pon a disposición da veciñanza o seu espazo físico, o equipamento e o persoal técnico necesario para a gravación dos programas seleccionados nos días e horas que se determinen. A emisión dos mesmos farase en función da grella de programación que aprobe a Comisión Asesora de Comunicación do Concello de Ames, aínda que se procurará respectar no posible as propostas de emisión das persoas ou entidades propoñentes.

A concelleira de Comunicación, Natividade González anima á veciñanza a presentar as súas propostas: “Confiemos en que sexan moitos e moitas as veciñas que participen deste magnífico proxecto, unha proposta creativa e singular pois son poucos os medios de comunicación desta índole que abren os seus micrófonos á participación da cidadanía. Estamos moi orgullosos e podemos gabarnos de que a nosa grella se enriquece amplamente con estas achegas”.

O proxecto de Radio Cidadá comezou a súa andaina no ano 2017. Desde entón materializáronse a través desta convocatoria máis de corenta propostas de distintas temáticas, dirixidas a variados segmentos de poboación. Programas sobre literatura, historia local, distintos xéneros de música, relixión, humor, ecoloxía ou educación compuxeron a grella de Radio Cidadá ao tempo que enriqueceron a programación global da emisora. Programas como “Tangos de la esquina Sur”, “Vivirnos nun mundo finito”, “De Museo” ou “Miradas” levan emitíndose desde o principio do proxecto.

Ames Radio acredita a participación e o servizo das persoas colaboradoras coa radio municipal mediante un diploma. Para calquera dúbida os interesados/as poden poñerse en contacto con Ames Radio a través do correo electrónico radio@concellodeames.gal ou o nos teléfonos 981 890 452 e 662377413.

Ames Radio abre unha nova convocatoria de Radio Cidadá