- Tematica
A radio municipal de Ames, Ames Radio, comeza a emitir este vindeiro luns, 20 de outubro, os programas enmarcados no proxecto Radio Cidadá, unha iniciativa que busca convidar á veciñanza a crear os seus propios espazos radiofónicos. Este ano hai vinte programas que formarán parte da grella de Ames Radio ata mediados do próximo mes de xuño. Trátase do número de programas máis alto dende que comezou esta iniciativa en 2017. Trece deles xa foron emitidos en edicións pasadas, pero sete son de nova incorporación. As novas incorporacións desta nova convocatoria de programas de Radio Cidadá son Un café en Ames, Intensas, Frecuencia cativada, Conecta2, Alcohólicos Anónimos na súa comunidade, Turismo e ser e El arte de vivir con sentido. Consulta a programación de radio cidadá de Ames Radio para a temporada 2025-2026.
O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este xoves, 16 de outubro, a presentación da nova tempada de Radio Cidadá, a iniciativa de Ames Radio que permite á veciñanza amesá facer o seu propio programa de radio dende o ano 2017. Nesta oitava convocatoria batéronse todos os rexistros de participación con 24 propostas presentadas, das cales se emitirán 20, xa que segundo o establecido nas bases é o número máximo de programas aos que se pode dar cabida. No acto estiveron presentes dez dos vinte programas que, a partir do vindeiro luns 20 de outubro, pasarán a conformar a grella de programación de Ames Radio.
No acto de presentación participaron os técnicos de Ames Radio, Juan Luis Silva e Belén Martínez, e o alcalde de Ames e responsable do departamento de Comunicación, Blas García. Tamén estiveron presentes representantes do goberno municipal e dos grupos municipais do Partido Popular e BNG de Ames.
Juan Luis Silva destacou, nun primeiro momento, o “alto nivel de participación deste ano, batendo todos os rexistros e confirmando que se trata dunha iniciativa que conta con moita aceptación entre a veciñanza. É a primeira vez que tivemos que deixar catro propostas fóra nunha lista de agarda”.
Belén Martínez, pola súa banda, avanzou que “para dar cabida a todos os programas vémonos na obriga de modificar a nosa programación local. A principal novidade será o espazo Ames ao día, que substituirá ao actual magacine Somos Ames para, en formato podcast, seguir dando á veciñanza entrevistas de actualidade. Ademais, manteremos os programas de Espazos Políticos, O alcalde responde e o noso informativo Ames en 5 minutos".
O alcalde de Ames e responsable do departamento de Comunicación, Blas García, salientou o “alto nivel de participación xa que, por primeira vez en oito anos, tocoume a min participar no comité de decisión dos programas seleccionados. Foi duro pero ao mesmo tempo unha alegría que haxa tantas persoas interesadas en participar”. O rexedor municipal destacou “a importancia dun medio como a radio, que non hai moito co apagón, demostrounos a importancia de ter un transistor a pilas ou batería que nos permitiu estar informados”.
Blas García lembrouse de Isabel Vaquero, con quen naceu a iniciativa, e Natividade González, que deu continuidade á mesma. Tamén destacou “a variedade e riqueza dos programas con diversas temáticas como medio ambiente, variedades, integración, música, turismo ou protocolo. Propostas que, ademais, podemos escoitar en calquera lugar grazas ao formato de podcast polo que se apostou dende un primeiro momento”.
Programas consagrados
As emisión da Radio Cidadá comezarán o vindeiro luns 20 de outubro coa emisión dun dos programas máis lonxevos da iniciativa, como é Vivirmos nun mundo finito, conducido por Manu Casal. Este programa, xunto con Tangos de la Esquina Sur, de Daniel Rilo, Miradas, de Perla Alonso, e De Museo, de Rosa Martínez, acompañan á veciñanza amesá dende o inicio dos programas de Radio Cidadá en 2017.
Ademais, tamén repiten este ano programas como Vaide Retro, de Álvaro Sempere; O protocolo é para todos, con Margarita Murillo; Apuesta por el Rock&Roll, con Chelsea Runaway; La hora de la columna, con Miguel Fachado e Alberto Ogando; Voces Invisibles, de Iria Tojo; Las Carabelas del siglo XXI, de Francisco Javier Salas; Ames en dixital, con Isabel Viñas; El cuerpo que habitamos, con Martha Franco; e Conta con nós, da Asociación Española Contra el Cáncer en Ames.
Nova programación
As novas incorporacións desta nova convocatoria de programas de Radio Cidadá enriquecerán a grella da programación da radio municipal con propostas interesantes: Seu Bermúdez arranca con Un café en Ames, un programa quincenal de entrevistas con persoas vinculadas a Ames; Sara Outeiral estrearase con Intensas, un espazo mensual de actualidade con perspectiva de xénero, con entrevistas a mulleres referentes e persoas habitualmente invisibilizadas; Susana Vales liderará Frecuencia cativada, un programa que abordará aspectos interesantes con profesionais ligados ao ámbito sanitario, educativo, terapéutico e do neurodesenvolvemento en xeral; Vanesa González e David Costoya volven con Conecta2, unha proposta coa que divulgar dunha forma amena coñecementos da cultura galega.
Por outra banda, Alcohólicos Anónimos na súa comunidade chega da man da asociación para darse a coñecer e informar á poboación do seu programa de recuperación; Minia del Río achegará a súa proposta Turismo e ser, un programa que ten como finalidade achegar unha nova maneira de facer turismo; e Juan Magariños estrarase en Ames Radio con El arte de vivir con sentido, un espazo de entrevistas e diálogo onde explorar con diferentes persoas formas de vivir con máis autenticidade, equilibrio e benestar.




















