Pestanas principais

Ames presentou o proxecto Ames 2020 para concorrer á convocatoria DUSI cofinanciada con fondos FEDER

Venres, 27 de novembro de 2015

[27-11-2015] Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación do proxecto Ames 2020, para concorrer á convocatoria DUSI cofinanciada con fondos FEDER da Unión Europea. Tratouse dun acto aberto á cidadanía no que participaron o alcalde de Ames, José Miñones, os voceiros dos grupos municipais que forman parte do goberno, Gemma Otero, voceira do grupo municipal Contigo Pódese, Blas García, voceiro do grupo municipal socialista, e David Santomil, voceiro do grupo municipal do BNG, así como o Axente de Desenvolvemento Local do Concello de Ames, e Adolfo Neira, de EOSA Consultores, que é a empresa encargada de elaborar o proxecto que presentará o Concello de Ames. A esta presentación tamén asistiron outros concelleiros/as do goberno e do grupo municipal Ames Novo, traballadores/as municipais e veciños/as.

Participación cidadá
Dende o goberno municipal búscase o apoio e a participación da veciñanza amesá para a elaboración, máis pormenorizada, destes puntos de actuación. Os amesáns e amesás están chamados a comunicar suxestións, propostas e diferentes ideas a través dun portal que o Concello habilitou especialmente para a elaboración deste plan. Na dirección web www.ames2020.gal a cidadanía atopará un formulario de participación que a partir desta semana pode enviarlle ao Concello. Outra opción é enviar un correo electrónico ao enderezo info@ames2020.gal

A participación cidadá dos axentes sociais, das asociacións económicas e sociais é un dos aspectos claves no desenvolvemento das estratexia DUSI. Deste xeito, na páxina web www.ames2020.gal existe unha axenda na que se notificarán os encontros que o goberno municipal manterá con asociacións, agrupacións civís ou grupos políticos ao longo do vindeiro mes de decembro e en xaneiro.

O rexedor municipal incide na idea de que “dende o goberno vaise a establecer un proceso de participación cidadá. O proceso de recompilación de achegas quérese acabar antes das festas de Nadal para que despois á empresa EOSA Consultores poida redactar o proxecto que se vai presentar. A convocatoria destas axudas saíu publicada o pasado 17 de novembro. Dispoñemos de 45 días hábiles para presentar a nosa candidatura. O prazo remata o vindeiro 13 de xaneiro”.

Miñones admite que “se trata dun tempo reducido para elaborar o proxecto, pero isto non impedirá os esforzos do Concello por conseguir que toda a cidadanía participe”. Na presentación de Ames 2020 lembrouse que outros proxectos participativos que xa se levaran a cabo en Ames, como a Axenda21, contaron cunha gran resposta por parte da veciñanza amesá.

O proxecto Ames 2020 consiste nun plan de base integrado e a longo prazo que marcará a ruta do desenvolvemento amesán nos próximos catro anos. Este proxecto presentarase á convocatoria de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (DUSI) do Fondo de Desenvolvemento Europeo (FEDER).

Como sinalou o alcalde de Ames, José Miñones, con este proxecto “búscase evitar o desenvolvemento urbanístico que se ven dando en Ames nos últimos anos, nos cales se realizaron obras urbanística de forma atomizada sen contar cun plan integral. Este proxecto vai máis alá do Plan Xeral de Ordenación Municipal, xa que contempla distintos aspectos da planificación dun concello como o desenvolvemento sostible, a diminución da contaminación, as conexións ou a integración de dispositivos tecnolóxicos intelixentes”.

FEDER destinou en España unha partida de subvencións das cales 83,14 millóns de euros corresponden a Galicia. Ames, como concello de máis de 20.000 habitantes poderá optar a unha subvención de cinco millóns de euros. O proxecto presentado competirá cos doutros concellos de características similares ás de Ames. A data límite de entrega destes proxectos é o día 13 de xaneiro de 2015. O proxecto a presentar na Unión Europea debe contemplar, obrigatoriamente, unha serie de obxectivos temáticos que lle permitan a Ames desenvolverse como núcleo intelixente, sostible e integrador.

Ames, concello intelixente, sostible e integrador
Para elo hai que levar a cabo unha serie de estratexias de desenvolvemento urbanas sostibles e integradas. No apartado de cidade intelixente haberá que presentar un proxecto baseado nas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), exemplificado na implantación de controis intelixentes dos residuos urbanos, do rego dos espazos públicos verdes ou da mellora da conexión da cidadanía á Internet.

En canto á sostibilidade haberá que presentar iniciativas para dispor dunha economía baixa en carbono en todos os sectores, preservando a protección do medio ambiente a través da optimización de recursos. Neste punto trataríase de dar pulo a un maior uso do transporte público en detrimento do privado a través dunha mellora das conexións municipais ou da aposta polo uso de enerxías renovables.

Por último, no eido de cidade integradora, haberá que plantexar un acceso igualitario aos servizos sociais e culturais para a toda a cidadanía amesá e actuar naquelas áreas que, por urbanización ou falta de conexións, se atopen máis illadas. A mellora dos accesos ás persoas con mobilidade reducida tamén é un dos puntos que se inclúen neste aspecto.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Impulsan Ames 2020 como plan de desarrollo urbano"
La Voz de Galicia: "Ames opta a fondos europeos para ser un municipio más sostenible"