Pestanas principais

Ames presenta a programación infantil con Apego para o último cuadrimestre de 2022

Martes, 30 de agosto de 2022

O Concello de Ames vén de presentar as propostas que compoñen a programación infantil de Ames nos meses de setembro, outubro, novembro e decembro de 2022, que inclúen música, cinema, xogos, tradición oral, contos, maxia ou danza. A primeira actividade é esta mesma semana, o xoves 1 no parque do Ameneiral de Bertamiráns, e o venres 2 no parque dos Piñeiros do Milladoiro, coas “Brincadeiras miúdas” de Cé Orquestra Pantasma. Serán ás 18:00 horas, de balde e sen inscrición previa. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

Co comezo do curso lectivo volve a programación infantil con Apego para o outono de 2022, cunha serie de dezasete actividades nas que as familias con nenas e nenos poderán atopar unha ampla e variada oferta lúdica para todas as idades. Neste programa colaboran os departamentos de Normalización Lingüística, Cultura e Bibliotecas, co obxectivo de achegar recursos para unha crianza en galego positiva e creativa.

Precisamente, o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acolleu a presentación desta iniciativa, á que acudiron representantes e persoal técnico dos departamentos colaboradores. Deste xeito, asistiron ao acto Escarlata Pampín, concelleira de Normalización Lingüística; Natividade González, concelleira de Cultura, e Rosa Moreiras, técnica do Servizo de Normalización Lingüística.

“Ás veces parece que faltan recursos para as familias que cremos na crianza en galego, e a realidade non é así. Hai un abano enorme de actividades cos que os nenos e nenas gozan moitísimo e que ademais están na nosa lingua”, sinalou a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín. “Temos estes catro meses cheos de actividades, dende cinema, teatro, concertos, incluso as actividades da Concellaría da Cultura como o Cinema Miúdo ou o Festival de Maxia. Estamos encantadas de recibir a todas esas crianzas que tantas gañas teñen de gozar e de achegarse á nosa cultura e á nosa lingua”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Natividade González, destacou as principais actividades da súa área para este último cuadrimestre. “Vimos de programar música durante todo o verán e agora pasamos a dar ese pulo á programación infantil, co Cinema Miúdo, un dos nosos programas estrela os días 25, 26 e 27 de novembro, e tamén o Festival de Maxia, os días 21, 22 e 23 de outubro, unha das datas máis solicitadas e esperadas polas familias. Ademais, nas bibliotecas imos ter unha morea de obradoiros durante os meses de outubro, novembro e decembro”.

Por último, a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, incidiu na diversidade na oferta no programa. “Intentamos sempre ter unha programación variada e participativa e que achegue espazos de ocio e de socialización en galego para as crianzas e as familias, que ademais achegue referentes lúdicos e que contribúa a dar difusión a ampla variedade de recursos que temos na nosa lingua para a infancia”.

Actividades para as crianzas dende setembro ata decembro

A primeira actividade deste último cuadrimestre terá lugar esta mesma semana, o xoves 1 no parque do Ameneiral de Bertamiráns, e o venres 2 no parque dos Piñeiros do Milladoiro, coas “Brincadeiras miúdas” de Cé Orquestra Pantasma. Esas dúas tardes, das 18:00 ás 20:00 horas, haberá concerto participativo, baile, xogos tradicionais, materiais desestruturados para xogar libremente e un espazo para crear xoguetes con ferramentas e materiais naturais. Para participar na proposta, de balde, non cómpre inscrición, e está dirixida ás familias con nenas e nenos a partir de 2 anos.

Ademais, setembro inclúe outras tres propostas. O mércores 21 proxectarase no Milladoiro “Valentina”, premio Goya 2021 á mellor película de animación. O venres 23, A Gramola Gominola levará o seu espectáculo musical “O poder da Superlingua” a Bertamiráns, mentres que Migallas Teatro pechara o mes no Milladoiro o venres 30, co obradoiro “Orella Pendella”.

A programación continuará en outubro con cinco actividades máis. A primeira será un obradoiro de arrolos con Mamá Cabra, o xoves 6 en Bertamiráns. O día seguinte, o venres 7 O Milladoiro acolle o espectáculo de danza “Mímesis”, de Zig Zag Danza. Na seguinte semana, o xoves 13, Raquel Queizas desenvolverá o conto musical “O xogo de Nano”, de novo no Milladoiro. Esta actividade deixará paso ao Festival de Maxia de Ames “Festimax”, que celebra a súa décimo sétima edición os días 21, 22 e 23 de outubro nas dúas vilas principais de Ames. Finalmente, o venres 28 Pakolas actuará en Bertamiráns coa estrea de “A Ramona pequena”.

No mes de novembro desenvolveranse catro propostas. O venres 4, Vero Rilo e Sonsoles Penadique levan o seu espectáculo “Historias con susto para durmir a gusto” a Bertamiráns. Esta actuación virá seguida de dúas propostas de Lydia Botana “Bolboreta” e Fabaloba, con “Quen canta Alí?”, o venres 18 en Bertamiráns, e “Un bico para Alí”, o xoves 24 no Milladoiro. Por último, novembro pecharase co Festival Cinema Miúdo, os días 25, 26 e 27 nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns.

Para rematar o cuadrimestre, en decembro celebrarase a xa clásica visita do Apalpador a Ames, que este ano chegará ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns, cargado de contos e cantos e cun agasallo máxico nacido na Serra do Courel, o venres 16 de decembro.

Actividades de animación á lectura

Do mesmo xeito, no outono volven tamén as actividades de animación á lectura, en forma de contos para a rapazada amesá de entre 3 e 8 anos, e que se desenvolverán nas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns entre outubro e decembro, sempre ás 17:30 horas.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "O programa Apego de Ames conta con maxia, cine, danza e música ata rematar o ano"

El Correo Gallego: "As propostas de outono inclúen tres días de maxia, danza, contos e música"

Enfoques: "Las ‘Brincadeiras Miúdas’ llegarán al parque del Ameneiral de Bertamiráns este jueves"

AMSGO!: "O Concello de Ames presenta a programación infantil con Apego do último terzo de 2022"

Ames presenta a programación infantil con Apego para o último cuadrimestre de 2022

Multimedia

  • Ames presenta a programación infantil con Apego para o último cuadrimestre de 2022
  • Ames presenta a programación infantil con Apego para o último cuadrimestre de 2022
  • Cartaz das "Brincadeiras miúdas" de Cé Orquestra Pantasma