[13-06-2012] O Concello de Ames acaba de presentar ao Concurso Actuacións Accesibles, organizado pola Fundación Once en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid (COAM), as obras de mellora da accesibilidade da Casa da Cultura de Bertamiráns. A convocatoria Actuacións Accesibles ten como obxectivo elixir as obras de arquitectura e enxeñería nas que a accesibilidade fose tratada de xeito exemplar, máis alá do cumprimento normativo. Esta iniciativa pretende demostrar que se poden deseñar edificios de calquera tipoloxía baixo parámetros de deseño para todos.
Ames presentou a esta convocatoria as obras para a eliminación de barreiras arquitectónicas e a mellora da accesibilidade da Casa da Cultura de Bertamiráns, situada na Praza de Chavián e que non só se emprega para actividades socio-culturais, senón tamén como centro para a mocidade e a terceira idade. Estes traballos amosan a preocupación do Concello por eliminar barreiras arquitectónicas para favorecer a igualdade de oportunidades e a non discriminación á hora do acceso da cidadanía aos bens e servizos.
No concurso de Actuacións Accesibles establécense tres categorías de premios. O primeiro está dotado con 5.000 euros; o segundo, con 2.500, e o terceiro, con 1.250 euros. O comité de selección do concurso estará integrado por dous arquitectos de recoñecido prestixio nacional e internacional, Gabriel Allende e Izaskun Chinchilla, e tres personalidades de recoñecido prestixio de entidades de persoas con discapacidade. As actuacións seleccionadas, que serán un máximo de 12, daranse a coñecer o vindeiro 29 de xuño. As obras elixidas formarán parte dunha publicación que será editada en soporte papel e dixital.
Traballos no interior e no exterior
As obras leváronse a cabo tanto no exterior como no interior da Casa da Cultura. Deste xeito, fóra do inmoble creouse unha nova praza de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida e cambiouse o itinerario de acceso desde o aparcadoiro ata a entrada do edificio, modificando a beirarrúa e a rampla de acceso. Alí, reduciuse a pendente para adaptala á normativa e dotouse de franxas de textura especial e color distinta ao do pavimento.
Tamén se realizaron modificacións significativas nas escaleiras de acceso á Casa da Cultura, pois estas presentaban varandas inadecuadas e distintas dimensións de pegada e tabica. Estas e outras deficiencias motivaron que se construíran de novo as tres escaleiras, con novos chanzos e cambiando o pavimento por outro con franxas de textura especial. A cada lado da escaleira instaláronse novas varandas de aceiro inoxidable con pasamáns a dobre altura. Modificouse o deseño da escaleira principal, eliminando a zona de encontro en ángulo, de xeito que os tramos quedaron independentes. No novo tramo frontal, con anchura superior a tres metros, colocouse, ademais das varandas laterais, unha intermedia (con pasamáns a dobre altura e zócolo por ambos os lados), situada en liña co eixe das portas de acceso, co fin de manter os espazos definidos polas portas de saída e favorecer a evacuación.
Cambiáronse tamén as portas de saída e as do vestíbulo. Nestas colocouse un zócolo inferior de protección de chapa de aluminio verde, tiradores novos e franxas sinalizadoras de dobre altura con vinilos de cor verde sobre os vidros. No acceso lateral, na entrada á cafetería, instalouse unha nova porta de dobre folla para aumentar a distancia entre a porta de saída e o bordo do chanzo que conduce ata a beirarrúa.
As obras de mellora da accesibilidade da Casa da Cultura de Bertamiráns tamén se levaron a cabo no interior do edificio. Os traballos incluíron reformas no vestíbulo de atención ao público, nas escaleiras, no ascensor, nos aseos, nos espazos de usos públicos (cafetaría, biblioteca e usos múltiples), nos elementos de protección contra incendios e na sinalización interior e exterior.
Así, mellorouse o mostrador de información incluíndo un novo módulo adaptado para atender persoas en cadeira de rodas. Os aseos da planta baixa modificáronse totalmente. Nas escaleiras de comunicación entre as plantas colocouse un novo pasamáns a dobre altura con prolongacións e remates nos seus extremos; instaláronse cintas antiesvarantes, novas balizas de sinalización e iluminación e emerxencia.
No ascensor mellorouse a colocación dos botóns, introduciuse o sistema braille e instalouse un novo sistema de seguridade e un detector electrónico nas portas. Ademais, grazas a estas obras, o edificio conta cunha nova sinalización interior con rotulación en braille en todas as dependencias.





