Pestanas principais

Ames presenta o seu primeiro campus de baloncesto que se desenvolverá do 27 xuño ao 1 de xullo

Mércores, 25 de maio de 2016

[25-05-2016] Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación da primeira edición do campus Amesbasket, que organizan o Club Basquet Ames e mailo Club Baloncesto Rosalía de Castro, e que conta coa colaboración do Concello de Ames. A presentación desta iniciativa, que se desenvolverá do 27 de xuño ao 1 de xullo en Bertamiráns e no Milladoiro, correu a cargo do alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, o presidente do Club Baquet Ames, José Luís Penas, e mailo director do instituto Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda. O prazo de inscrición rematará o 20 de xuño.


O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, destacou que “o obxectivo do goberno municipal é promocionar e potenciar o deporte en Ames, polo que dende o primeiro momento no que nos transmitiron a idea de organizar este campus apoiámola sen dubidalo un só instante. En Ames xa hai outros campus pero este é o primeiro na modalidade de baloncesto, polo que agardamos que sexa un éxito e se consolide no tempo”. Miñones rematou dicindo que “o baloncesto xa está moi asentado no noso concello con varios clubs, polo que seguro que este campus ten un gran éxito de participación”.

O primeiro campus Amesbasquet, que está dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos, desenvolverase nos pavillóns polideportivos e piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro entre o 27 de xuño e mailo 1 de xullo. Esta iniciativa está organizada polo Club Basquet Ames e mailo Club Baloncesto Rosalía de Castro, e conta coa colaboración do Concello de Ames que cede as instalacións onde se vai a desenvolver esta iniciativa deportiva.

O presidente do Club Basquet Ames, José Luís Penas, foi o encargado de explicar as características do campus e engadiu que “o obxectivo deste campus é achegar o baloncesto ás rapazas amesás que teñan de 6 a 13 anos. Queremos que a través desta iniciativa as rapazas saiban que hai clubs en Ames para practicar baloncesto e sexa un deporte de práctica masculina e feminina”. Tamén aproveitou para agradecerlle ao Club Baloncesto Rosalía de Castro e o Concello de Ames a súa implicación neste proxecto.

Para este campus ofértanse un total de 120 prazas (60 para Bertamiráns e outras 60 para O Milladoiro). Durante os cinco días que dura este campus os rapaces e rapazas inscritos practicarán fundamentalmente baloncesto, pero ademais tamén realizarán outras actividade lúdicas nas piscinas descubertas municipais e realizarán unha excursión ao parque acuático de Cerceda.

Tarifas e tramitación de inscricións
A inscrición nesta iniciativa ten un custo de 120 euros, aínda que os nenos e nenas que pertencen aos clubs organizadores ou que estean empadroados no Concello de Ames terán un desconto de 20 euros, polo que terán que pagar 100 euros. Os participantes que queiran dispor do servizo de comida terán que aboar 35 euros a maiores. Haberá descontos do 10% para o primeiro irmán inscrito. O prezo inclúe o material deportivo (equipamento, bolsa-mochila, regalos e premios), un seguro de responsabilidade civil e accidente, así como un aperitivo diario.

O director do instituto Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda, pechou a quenda de intervencións mostrándose sorprendido polo número de actividade que se organizan no Concello de Ames. “É un pracer coñecer o número de eventos e servizos que ofrece este Concello”. Ademais, resaltou “xa levamos un tempo colaborando co Club Basquet Ames e nós como centro de ensino público temos a obriga de colaborar coas entidades que apoian ao baloncesto, e neste caso non ía ser menos. Agardamos que esta iniciativa se consolidade neste concello e teña un gran éxito de participación”.

Para tramitar as inscricións ou obter máis información pódense visitar as páxinas web www.rosaliafedesa.com ou http://basquetames.blogspot.com.es, chamar ao número de teléfono 699 463 922 ou enviar un correo electrónico aos enderezos fundacion_fedesa@yahoo.com ou basquetames@gmail.com. O prazo de inscrición rematará o 20 de xuño.