Pestanas principais

Ames presenta o programa Amessan na primeira xornada sobre a saúde no ámbito local

Luns, 03 de outubro de 2016

[03-10-2016] A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade e da Secretaría Xeral para o Deporte, organiza unha xornada titulada “A Saúde en todas as políticas. O seu desenvolvemento no ámbito local” que se celebrará este martes, 4 de outubro, no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela. O Concello de Ames participa nesta xornada expoñendo os programas Amessán e Sanauga, que están dentro do proxecto “Aprendendo a envellecer con saúde”, do servizo de transporte adaptado, xa que Ames é o único concello galego que segue prestando este servizo.

O obxectivo desta xornada é pór en valor as políticas e accións doutros sectores diferentes ao sanitario que teñen un impacto en saúde. O sector saúde non pode traballar de maneira illada senón que son necesarias abordaxes intersectoriais que coordinen as intervencións que poidan ter repercusión na saúde, o benestar e a calidade de vida. Neste senso, o ámbito municipal adquire unha importancia capital por seren o máis próximo á poboación e por ter os gobernos locais competencias en políticas con influencia directa na saúde da poboación (urbanismo, cultura, deportes, seguridade,...). Asemade a coordinación de servizos a nivel local produce sinerxías moi efectivas para gañar saúde.

A xornada está dirixida ás persoas que forman parte das corporacións municipais e persoal técnico municipal responsable das áreas relacionadas coa saúde (sanidade, medio ambiente, deporte, infraestruturas, transportes, servizos sociais, educación,...) e persoal técnico de deputacións. A xornada tamén estará aberta a responsables e técnicos das consellerías relacionadas e aos representantes dos grupos parlamentarios, así como aos membros da comisión de sanidade.

O teu proxecto en 5 minutos
Na xornada vanse presentar diferentes proxectos e experiencias que se están a desenvolver en diferentes comunidades autónomas e nalgúns concellos de Galicia. Ademais destes proxectos que figuran no programa, outros concellos están a traballar en actividades con enfoque poboacional e con impacto na saúde na súa contorna con moi bos resultados. E outros concellos teñen novas ideas e andan a procura de aliados con quen traballar de forma conxunta. Esta xornada quere axudar a dar difusión a estes proxectos, actividades ou ideas, por isto haberá un espazo e un tempo reservados nos que se poderán presentar de forma breve (5 minutos).

O Concello de Ames participa nesta xornada expoñendo o seu programa Amessán que está dentro do proxecto “Aprendendo a envellecer con saúde”. O encargado de presentar este proxecto será Ruben Ramos, técnico responsable da Oficina de Voluntariado de Ames. Xunto a Ames participan outros concellos como Santiago de Compostela, Friol, Entrimo e Curtis. Ademais, falarase do programa Sanauga, que tamén está dirixido a persoas maiores de 60 anos, e do servizo de transporte adaptado, xa que Ames é o único concello galego que segue prestando este servizo.

Programa Amessan
Os obxectivos do programa Amessan son mellorar a calidade de vida das persoas destinatarias deste programa, promocionando o exercicio físico e o coidado da saúde, centrándonos na prevención da fraxilidade; posibilitar ás persoas destinatarias o incremento do seu benestar psicosocial, promovendo e realizando actividades no tempo de ocio, o seu desenvolvemento cultural, así como a participación no seu entorno e na sociedade en xeral; proporcionar un espazo de ocio creativo que fomente a integración social e a mellora e/ou mantemento das capacidades persoais das persoas destinatarias deste programa; evitar o illamento mediante a promoción da participación social; favorecer a dinamización da comunidade; e proporcionar a adquisición de coñecementos socio-sanitarios e culturais a través de charlas, talleres, etc. A finalidade última, polo tanto, é que os nosos maiores se manteñan activos, autónomos e independentes o máximo posible.

As actividades desenvolvidas a través deste programa están dirixidas ás persoas empadroadas no Concello de Ames, persoas maiores de 60 anos e persoas menores de 60 anos que padezan algunha enfermidade crónica, inhabilitadora e/ou situacións análogas que conte cun informe dos servizos públicos de saúde onde se reflicta de forma clara e concisa a idoneidade da actividade e sempre que non se necesite unha persoa de apoio e poida realizar a actividade proposta dunha maneira independente. A través das diferentes actividades integradas no proxecto, lógrase ademais que os maiores saian da casa, coñezan xente, estean entretidos e ao mesmo tempo fagan exercicio.

Este programa, que comeza este luns 3 de outubro, inclúe actividades de ximnasia terapéutica e de manualidades, así como obradoiros de música tradicional e de memoria. Estas actividades desenvólvense nas Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Piñeiro, Tarroeira e Trasmonte. Este ano como novidade increméntanse dous grupo de ximnasia terapéutica, un en Bertamiráns e outro no Milladoiro. Ademais, ao longo do curso 2016-2017 realizaranse 10 charlas sobre temas de interese para as persoas maiores e aumentaranse ao longo do ano as actividades en parroquias onde nunca chegou o programa. Outra das novidades desta tempada é que se incrementa nun mes a duración do programa finalizando a finais do mes de xuño.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames presenta sus programas de salud Amessan y Sanauga en la EGAP"