- Tematica
O Concello de Ames presentou este mediodía, no campo da festa da parroquia de Bugallido, o novo servizo de mantemento preventivo, correctivo e técnico legal do alumeado público do concello de Ames. Dito contrato foi adxudicado á empresa Sociedad Española de Construcciones Eléctricas SA por un importe total de 543.218,71 euros (IVE incluído). O contrato terá unha duración de tres anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos (incluído período inicial e prórrogas). A través deste novo contrato, que se puxo en funcionamento no pasado mes de setembro, atenderanse preto de 9.000 luminarias. Tamén se contempla o mantemento de cadros eléctricos e do cableado do alumeado. A empresa conta con catro técnicos vinculados a dito servizo. A veciñanza que desexe comunicar calquera avaría ou incidencia, que afecte ao alumeado público, pode chamar ou enviar unha mensaxe de WhatsApp ao número de teléfono 662 343 015. Tamén se pode escribir ao enderezo de correo electrónico averiasalumeadoames@sece.com.
O Concello de Ames vén de presentar o novo servizo de mantemento preventivo, correctivo e técnico legal do alumeado público do municipio, o cal terá un investimento de 543.218,71 euros (IVE incluído). Deste xeito, o Concello conta desde o pasado mes de setembro cun servizo específico para realizar traballos de mantemento e conservación do alumeado público.
O obxecto do contrato é a prestación do servizo de mantemento, tanto preventivo e correctivo como técnico legal, das instalacións de alumeado público do concello de Ames. O servizo préstase en toda a instalación de alumeado público e iluminación monumental de titularidade municipal. Exemplos destes emprazamentos son prazas, rúas, vías urbanas, parques, aparcadoiros e outras áreas ao aire libre e de libre acceso.
Ao acto de presentación, celebrado no campo da festa da parroquia de Bugallido, acudiron o alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto; a Axente Local de Innovación, Patricia Yáñez; o delegado no concello de Ames da empresa da Sociedad Española de Construcciones Eléctricas SA (SECE), Fernando Iglesias, e mailos catro técnicos que se ocupan deste servizo en Ames.
O alcalde de Ames, Blas García, explicou que “este contrato significa un avance importante para un concello como é Ames, que ten dous núcleos urbanos moi grandes e un rural tamén amplo. Ademais, isto é un avance importante para o Concello porque nos libera persoal da brigada de obras, que se estaba dedicando a estas funcións, e que agora vai a poder facer outras tarefas. Tamén é un axuda importante e un beneficio para a veciñanza, porque agora van a ter un contacto máis directo coa propia empresa, a que van poder chamar para que se arranxen o antes posible, os problemas de alumeado público que poidan ter nos seus núcleos”.
O rexedor municipal engadiu: “é unha mellora importante porque se introducen outra serie de cuestións como o mantemento de cadros eléctricos, mellora de cableado naqueles sitios onde está mal, e incluso a empresa vai achegar xeradores eléctricos para actividades que se fan no Concello. Ames é un concello onde temos máis de nove mil puntos de luz, polo que era difícil para nós poder aténdelos todos e aténdelos en tempo, porque ademais o persoal municipal que se ocupaba disto, non todo tiña a preparación e a titulación requirida para poder actuar hoxe en día en luminarias led, co cal isto foi outro dos motivos que nos fixo apostar por este novo contrato”.
Labor integral no ámbito da iluminación pública
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, dixo que “para o Concello é moi importante contar cunha empresa que leve o mantemento do alumeado porque vai supoñer maior rapidez, rigorosidade e un mantemento das instalacións en mellores condicións. Farase un labor integral no ámbito da iluminación pública, abarcando tanto a iluminación do Milladoiro como a de Bertamiráns e, por suposto, a das zonas rurais. Revisaranse e supervisaranse uns 9.000 puntos de luz, así como os cadros eléctricos. Ademais, o contrato inclúe servizos de cadros eléctricos para as festas das parroquias do rural, e deste xeito, prestarase apoio ás comisións de festas con este servizo. O contrato contempla así mesmo o uso de grupos electróxenos”.
“En resumo, trátase dun contrato integral para mellorar a iluminación pública, axilizar o mantemento e axudar ás comisións nesta necesidade concreta. Para garantir esa rapidez de atención e resolución de incidencias haberá que chamar ou enviar unha mensaxe de WhatsApp ao número de teléfono 662 343 015. Tamén se pode escribir ao enderezo de correo electrónico averiasalumeadoames@sece.com. Deste xeito, haberá un contacto directo coa empresa e mellórense tanto a velocidade de resposta como o servizo”.
4 técnicos vinculados ao servizo de Ames
Por outra banda, o delegado no concello de Ames da empresa da Sociedad Española de Construcciones Eléctricas SA (SECE), Fernando Iglesias, destacou “para nós é un contrato importante. Ames é un municipio que está sendo referente en Galicia a nivel de crecemento. Creo que é un concello que tamén intenta facer as cousas ben e con calidade. Somos unha empresa de orixe familiar e a nosa intención é dar o mellor servizo posible, para que as instalacións estean o mellor mantidas posibles, e que iso poida repercutir na calidade do alumeado público que teña a cidadanía de Ames”.
Engadiu “collemos o contrato con moitas ganas, con ganas de facelo ben, de traballar día a día e, sobre todo, da man do Concello e con boa vontade. Estou seguro que irá moi ben para todos os veciños e veciñas. En principio temos 4 técnicos que están vinculados de forma permanente aquí ao concello, algúns incluso son do propio municipio. A nosa idea de cara ao futuro é intentar que o 100% do persoal sexa de quilómetro cero, que sexan de Ames, porque creemos que iso tamén aporta valor para o propio contrato. A plantilla é fixa e 100% vinculada a este contrato”.
Comunicación de avarías
A veciñanza que desexe comunicar calquera avaría ou incidencia, que afecte ao alumeado público, pode chamar ou enviar unha mensaxe de WhatsApp ao número de teléfono 662 343 015. Tamén se pode escribir ao enderezo de correo electrónico averiasalumeadoames@sece.com. Dito servizo de comunicación de avarías estará operativo as 24 horas do día e os 365 días do ano. Deste xeito, asegúrase a atención inmediata de calquera avaría ou incidencia que afecte a iluminación pública.
Prestación do servizo
En canto ao alumeado festivo, a empresa adxudicataria debe promover o abastecemento a eventos culturais, ociosos ou deportivos desenvolvidos principalmente nos núcleos do Milladoiro e Bertamiráns, aínda que tamén de xeito esporádico nas demais parroquias de Ames. Este abastecemento será mediante a instalación de cadros eléctricos conectados á liña da distribuidora ou mediante grupos electróxenos subministrados pola empresa adxudicataria.
Do mesmo xeito, a prestación do servizo comprende o mantemento preventivo e o control da iluminación, o mantemento correctivo e o mantemento técnico legal. Ademais, tamén se contemplan outros servizos asociados, como o alumeado festivo, certificados, informes, presupostos, axudas e tramitacións.
A empresa adxudicataria está obrigada a manter os modelos, características e calidades dos equipos existentes, agás nos casos nos que os servizos técnicos municipais determinen a necesidade de substitución, actualización ou mellora.
A prestación do servizo ten os seguintes obxectivos:
-Asegurar a continuidade do servizo e o correcto funcionamento.
-Realizar as reparacións, substitucións ou reposicións necesarias; mantendo tanto o nivel técnico dos equipos e compoñentes, como os actuais parámetros de calidade de alumeado.
-Asegurar o funcionamento seguro das instalacións de alumeado público ante posibles danos a persoas ou cousas.
-Instalación de cadros eléctricos para eventos culturais, sociais ou de outro tipo; asi como festas parroquiais.
-Subministro de grupos electróxenos para eventos.
O contrato recolle vehículos eficientes con etiqueta CERO ou ECO e o incremento do prazo de garantía de 1 ano en reparacións e de 2 anos no prazo de garantía en equipos e materiais novos instalados. Ademais, dito contrato recolle 220 horas anuais gratuítas por categorías profesionais: 50 horas de técnico de grao superior, 100 horas de oficial de primeira ou segunda, e 70 horas de peón.












