Pestanas principais

Ames presenta o novo servizo de desbroce, limpeza e mantemento dos núcleos rurais

Mércores, 20 de maio de 2026

O Concello de Ames presentou este mediodía, no campo da festa da parroquia de Ortoño, o novo servizo de desbroce, limpeza e mantemento dos núcleos rurais do municipio. A través deste servizo vanse realizar os traballos de limpeza, mantemento e conservación dos accesos e interiores dos núcleos rurais. Tamén se realizarán tarefas de mantemento dos contornos de lavadoiros, igrexas, locais sociais, muíños, beirarrúas e canalizacións de pluviais de titularidade municipal. Actuarase nas 11 parroquias do concello de Ames e nun total de 107 núcleos rurais.

O Concello de Ames vén de presentar o que será o novo servizo de desbroce, limpeza e mantemento dos núcleos rurais do municipio, o cal terá un investimento de 733.920 euros. Deste xeito, o Concello volverá a contar cun servizo específico para realizar traballos de mantemento e conservación dos accesos e interiores dos núcleos rurais, incluíndo tamén as zonas próximas aos lavadoiros, igrexas, locais sociais, muíños, beirarrúas, canalizacións de pluviais, etc., que sexan de titularidade municipal. 

Ao acto de presentación, celebrado no campo da festa da parroquia de Ortoño, acudiron o alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto; o vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo; e mailo director xeral do grupo de empresas de COGAMI, Víctor Silva.

O alcalde de Ames, Blas García, valorou este acordo como “moi positivo”, xa que “é importante que as empresas do noso concello realicen labores no noso concello”. O contrato “vaise aplicar única e exclusivamente aos núcleos rurais de Ames, e aínda que contará sempre con equipos de tres persoas, durante catro meses ao ano vaise reforzar con dúas persoas máis”, declarou. Finalizou a súa intervención facendo fincapé na importancia de “apostar por todas as persoas, sen discriminación”.

Pola súa parte, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, achegou que “dentro deste contrato, aínda que non veña incluído de maneira explícita, tamén se contempla a limpeza de fontes e lavadoiros destes núcleos rurais, sempre que sexa posible”. 

En canto aos representantes da empresa adxudicataria, o vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, mostrou o seu recoñecemento ao Concello de Ames, o cal “cre nos centros especiais de emprego, co obxectivo de dar visibilidade ás persoas con discapacidade”. Sestayo recoñeceu que “a nosa teima sempre foi crear postos de traballo para as persoas con discapacidade”. 

Tamén interviu o director xeral do grupo de empresas de COGAMI, Víctor Silva, o cal puxo en valor “a aposta senlleira do Concello de Ames pola economía social”. “O noso traballo sería imposible sen unha aposta firme e sólida das administracións públicas”, sinalou un director xeral, que tamén destacou que eles non son “simplemente provedores, senón socios no territorio, comprometidos polo benestar da veciñanza de Ames”.

Funcionamento do servizo
O servizo contará cun equipo mínimo de tres persoas traballando simultaneamente durante 8 meses do ano, pasando a ser cinco traballadores/as durante o período estival (catro meses ao ano). Estes traballos inicialmente serán realizados en xornada partida de mañá e tarde, aínda que se poida estudar a posibilidade de realizalos en xornada continua, pero cumprindo o horario de 8 horas diarias (40 horas semanais).

Actuarase nas 11 parroquias do concello de Ames e nun total de 107 núcleos rurais. Os traballos de limpeza e mantemento dos accesos e interiores dos núcleos rurais executaranse en Agrón (14 núcleos); na Ameixenda (8 núcleos); Ames (18 núcleos); Biduído (13 núcleos); Bugallido (11 núcleos); Covas (8 núcleos); Lens (2 núcleos); Ortoño (15 núcleos); Piñeiro (6 núcleos); Tapia (3 núcleos); e Trasmonte (9 núcleos).

Investimento municipal
O orzamento de adxudicación ascende a 733.920 euros (IVE incluído), que está dividido nos exercicios 2026, 2027 e 2028. Durante o exercicio 2026 (de maio a novembro) está previsto un gasto de 183.480 euros. Para 2027 (de decembro de 2026 a novembro de 2027) o gasto do contrato ascende a 366.960 euros, mentres que para 2028 (de decembro de 2027 a abril de 2028) recóllese un gasto de 183.480 euros. O contrato terá unha duración inicial de dous anos, con posibles prórrogas.

A empresa adxudicataria do servizo, Coregal Parques e Xardíns SL, ten que presentarlle ao Concello de Ames unha planificación da totalidade dos traballos a desenvolver. O Concello de Ames poderá introducir modificacións en dito plan, con relación ao alcance, secuencia e ordenación de operacións que permitan mellorar a calidade dos traballos conseguidos sempre e cando, non excedan do alcance orzamentario previsto para a execución do traballo.

Centros especiais de emprego de iniciativa social
Este novo contrato foi adxudicado a un centro especial de emprego de iniciativa social. Cómpre salientar a aposta do Concello de Ames pola economía social e os centros especiais de emprego, xa que en 2023 o Concello de Ames adxudicou o contrato de mantemento de zonas verdes á empresa Coregal Parques e Xardíns SL, por un importe de 1.531.860 euros (IVE incluído). Agora dita empresa tamén resulta adxudicataria deste novo contrato.

Neste senso, tamén hai que destacar que o Concello de Ames foi premiado en novembro de 2023 co Premio Cegasal á Administración Local debido a súa longa traxectoria apostando pola economía social e os centros especiais de emprego de iniciativa social.

Ademais, recentemente, en xuño de 2025 o presidente de Cegasal, Mino Martínez Lago, visitou á Casa do Concello, en Bertamiráns, para manter unha xuntanza no salón de Plenos co alcalde e cos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno. Mino Martínez puxo a Ames como exemplo a seguir por outras administracións en prol da integración laboral de persoas con diversidade funcional.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Ames apuesta por integrar a personas con discapacidad para el desbroce del rural"

La Voz de Galicia: "La brigada del rural de Ames comenzará a trabajar en junio"

amsGO!: "Ames aposta pola empresa local e centro especial de emprego para o novo servizo de desbroce, limpeza e mantemento dos núcleos rurais"

Ames presenta o novo servizo de desbroce, limpeza e mantemento dos núcleos rurais

Multimedia

  • Ames presenta o novo servizo de desbroce, limpeza e mantemento dos núcleos rurais