Pestanas principais

Ames presenta o III Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e o programa "Falemos de Saúde"

Martes, 07 de marzo de 2017

[07-03-2017] Este mércores, 8 de marzo, o goberno municipal presentará o terceiro plan de igualdade de oportunidade entre mulleres e homes e mailo programa "Falemos de Saúde" durante o acto de conmemoración do Día Internacional da Muller, que se desenvolverá a partir das 20:00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Ademais, contarase coa presenza da poeta de Ames, Filomena Fraga, que dará lectura o manifesto da corporación municipal e coas actuacións das pandereteiras do programa municipal, Amessan, e do coro de mulleres Son Elas. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o manifesto da corporación do Concello de Ames con motivo do Día Internacional das Mulleres.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explica que “aínda que a igualdade formal entre mulleres e homes se podería dicir que é unha realidade na nosa sociedade debido á existencia de numerosas normas legais que así o recollen, na rúa, que debería ser o espello desta realidade, vemos que esta igualdade real entre mulleres e homes aínda segue a ser unha aspiración social. É certo que nos últimos anos, e debido á constante loita de numerosos colectivos, apoiados polas propias administracións públicas, se conseguiron importantes avances, coa conseguinte mellora nas condicións de vida de mulleres, pero aínda queda moito camiño por percorrer e moito que avanzar. Porén, o impacto destes cambios parece ser insuficiente nalgúns aspectos da vida familiar, social, laboral, económica e mesmo política”.

“A igualdade de oportunidades entre mulleres e homes é unha das nosas prioridades. O noso obxectivo é construír unha nova organización social na que unhas e outros gocen dos mesmos dereitos e oportunidades. Debido a iso este mércores, 8 de marzo, no acto de conmemoración do Día Internacional da Muller vamos a presentar o terceiro Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes para os dous próximos anos”, destacou Luísa Feijóo.

Neste acto tamén se presentará o programa Falemos de Saúde a través do cal se pretende inculcarlle á veciñanza amesá o concepto de saúde como un "valor", como unha crenza central e un dereito individual máis que unha obriga. O Concello de Ames vén desenvolvendo dende hai anos políticas de igualdade de xénero. Agora trata de dar un paso máis nesta dirección e propón para elo unha programación que abrangue os ámbitos de muller e saúde. Deste xeito, vanse a desenvolver un total de 11 charlas destinadas á promoción da saúde entre as mulleres, dende un enfoque integral, onde entre as súas actuacións se promova a saúde das mulleres ao longo do seu ciclo vital, dende un enfoque biopsicosocial.

Ademais, en dito acto contarase coa presenza da poeta de Ames, Filomena Fraga, que dará lectura o manifesto da corporación municipal e coas actuacións das pandereteiras do programa municipal, Amessan, e do coro de mulleres Son Elas.

Por outra banda, o goberno municipal fai un chamamento de apoio e convite a participar nos actos organizados pola Plataforma Feminista Galega de Ames, que organiza para este mércores, ás 12:00 horas, un paro de mulleres. Para elo convocase a todas as persoas que se queiran sumar a esta iniciativa a que acudan á praza do Concello, en Bertamiráns, cun cartaz que exprese algún motivo polo se secunda dito paro.