[14-09-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, está preparando unha ampla oferta de actividades para a celebración do Día do Deporte na área deportiva do Milladoiro. Este domingo 16 de setembro, de 10.00 a 14.00h e de 17.00 a 21.00 horas, os veciños e veciñas de todas as idades poderán practicar 21 actividades deportivas repartidas en 10 espazos deportivos diferentes. Tamén haberá inchables e ao final do día realizarase un sorteo de agasallos.
O deporte é necesario. É unha actividade lúdica e mental que mellora a calidade de vida de quen o practica. Ademais, non só é beneficioso para pór en forma o corpo senón tamén para prever enfermidades como as coronarias, e incrementar a autoestima e o optimismo. Todas as persoas interesadas en realizar un deporte pero que aínda non saben por que disciplina decantarse, teñen a ocasión ideal de probar e escoller a que máis lle guste no Día do Deporte de Ames.
Este domingo, 16 de setembro, na área deportiva do Milladoiro haberá actividades de grupo, impartidas por clubs de Ames, como son o baloncesto, fútbol sala, voleibol, tenis, patinaxe, atletismo, xadrez, piragüismo e judo, xunto con outras actividades dirixidas a adolescentes e maiores como son o zumba, step, ioga, spinning, body combat ou pilates.
Ademais, ao igual que o ano pasado, o Concello ofrecerá a posibilidade de probar novas disciplinas como o Cross training, o bádminton, a chave e o tiro con arco, ademais de poder probar os aparatos biosaudables. Unha extensa oferta deportiva que se ofertará ao longo de 8 horas, repartidas en horario de mañá e tarde. Deste xeito, poderanse practicar 21 actividades deportivas repartidas en 10 espazos deportivos diferentes.
Con cada actividade entregarase un tícket para o sorteo de agasallos que se fará ao final da xornada. Tamén haberá inchables, obradoiros, competicións 3x3, carreiras e xogos. O Día do Deporte reunirá as actividades propostas na área deportiva do Milladoiro. Todas as actividades comezarán ás 10:00 horas e prolongaranse ata as 21:00 horas da tarde, con unha pequena pausa para o xantar entre as 14.00 e as 17.00 horas.
O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, agarda que “a xente se anime a saír á rúa e facer deporte en familia probando as diferentes disciplinas deportivas que se ofrecen. O ano pasado máis de 1.000 veciños e veciñas participaron no Día do Deporte. Este ano esperamos superar esa cifra si o tempo acompaña”. Desde a Concellería de deportes seguen a apostar polo lema escollido de Ames é deporte, Ames é saúde.
Contido relacionado
Lindeiros: "Ames acolle este domingo o Día do Deporte"
Compostela 24 horas: "Ames prepárase para acoller este domingo, 16 de setembro, a segunda edición do Día do Deporte"