Pestanas principais

Ames prepara unha ordenanza para regular e concienciar á cidadanía sobre o cumprimento do deber de limpeza de parcelas tanto no solo urbano como no rural

Luns, 01 de febreiro de 2021

As ordes de execución para a conservación dos cerrados en condicións de seguridade e limpeza de parcelas, supoñen o 70% do traballo dos servizos disciplinarios de urbanismo. Asemade, o 30% dos expedientes de reposición da legalidade urbanística que se tramitaron no concello de Ames no ano 2020, tanto de oficio como a instancia da veciñanza, correspóndense con peches vexetais que incumpren as alturas máximas permitidas por falta de mantemento. O Concello prepara unha ordenanza para regular e concienciar á cidadanía sobre o cumprimento do deber de limpeza de parcelas tanto no solo urbano como no rural. Ao mesmo tempo, inicia unha campaña de cumprimento do mantemento dos peches vexetais para que non superen os 2 metros de altura.

O mal mantemento dos peches vexetais nas fincas rurais e urbanas dificulta o labor dos operarios do servizo de mantemento das rúas, constitúe un serio perigo para peóns e automóbiles e pode conlevar sancións dende 300 a 6.000 euros. O elevado número destas condutas incívicas constitúe a causa pola que o concello de Ames prepara un borrador de ordenanza para regular e concienciar sobre o deber de limpeza e mantemento de parcelas polos seus propietarios.

Sobrecarga de traballo
En total, no ano 2020, o Concello de Ames abriu máis de 200 expedientes referidos a infraccións desta natureza. A cifra non reflicte a realidade posto que unha boa parte deles incorporan múltiples parcelas de distintos propietarios, co que a tramitación multiplícase en tempo e forma. A sobrecarga de traballo provocada por estes expedientes provoca o atraso noutros expedientes importantes tanto na planificación, como na xestión, incidindo asemade na calidade de vida dos cidadás.

Prepárase unha ordenanza e unha campaña de concienciación
"Cumprir coas obrigas inherentes á propiedade e á promoción, non só poñerá en valor o noso territorio, senón que facilitará as relacións de boa veciñanza e evitará a necesaria intervención das administracións competentes, permitindo a racionalización na utilización dos recursos públicos deste Concello", declara o alcalde de Ames, José Miñones, e concelleiro de urbanismo, quen tamén anuncia que o Concello está preparando unha ordenanza para regular esta cuestión e unha campaña de concienciación para a veciñanza, onde se informará das normas que obrigan a manter as parcelas en condicións óptimas de seguridade, accesibilidade, salubridade e ornato público establecidas pola Lei do solo de Galicia e pola normativa urbanística vixente.

O PXOM de Ames establece unha altura máxima de 2 metros para os lindeiros nos solos urbanos e nos núcleos tradicionais. No resto das zonas de diferente clasificación a altura dos peches en todo o perímetro das fincas fíxase nun metro que pode ser macizo, admitíndose sobre este un cerrado diáfano até completar os dous metros. Isto implica que no último metro o peche vexetal deberá rarearse sen que poida chegar a constituír un peche compacto.

Condutas infractoras sancionables
As sancións polo incumprimento da normativa van desde 300 a 6.000 euros, e estas infraccións mesmo poden chegar a obrigar a retirar o peche nos supostos de reposición da legalidade urbanística.

No caso de incumprimento das ordes de execución para a conservación da propiedade en términos de seguridade, ademais da imposición de sancións poden chegar a impoñerse multas coercitivas para conminar ao infractor ao cumprimento da orden de execución que eventualmente se ditara. Multas que ascenden a cantidades de 1.000 a 10.000 euros, até un máximo do 75% do custe das labores de limpeza.

Respecto aos expedientes de reposición da legalidade por exceso de altura dos peches vexetais, fronte ao incumprimento último da resolución recaída esíxese a restauración da legalidade vulnerada –o recorte do peche cumprindo as alturas máximas permitidas-. A Lei do Solo de Galicia obriga á esixir a total retirada do peche vexetal, impoñendo asemade sancións por importe de 300 a 6.000€ e, como mínimo, o 2 % do valor do peche.

Desde o Concello resaltan que son moitas as queixas e denuncias recibidas de veciños e veciñas sobre estes incumprimentos e inciden na necesidade dun cumprimento das normas de cara a evitar a imposición de sancións, así como a acumulación de traballo do persoal que poderá destinar este tempo a outras necesidades do departamento. "A nova normativa que se está a redactar esperamos que sirva para acadar a diminución deste tipo de expedientes. Manter un comportamento cívico e consciente da posta en valor da propiedade privada manténdoa en boas condicións non só fará de Ames un municipio mellor para todos, se non que evitará a intervención da administración, que é o máis desexable. Xa que concienciar impoñendo multas e sancións está concibido como o último recurso dos poderes públicos para facer cumprir as obrigas dos individuos. De aí a importancia desta campaña divulgativa", declara Miñones.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia:"Ames fomentará el cuidado de los cierres vegetales para reducir las sanciones"

Revista AmesGo: "Ames sinala ás parcelas sen limpar"

Imaxe dunha parcela urbana en Bertamiráns