Pestanas principais

Ames premia aos escaparates mellor engalanados no Nadal

Martes, 15 de xaneiro de 2013

[15-01-2013] Xa se coñecen os comercios premiados no Concurso de Escaparates de Nadal 2012, organizado pola Concellería de Promoción Económica e no que participaron un total de 29 establecementos comerciais de Bertamiráns e do Milladoiro. Neste concurso, os comerciantes amienses competiron co engalanado dos seus escaparates que estiveron expostos dende o 14 de decembro de 2012 ao 5 de xaneiro de 2013. Na xornada de onte reuniuse o xurado do concurso, que está dotado coa cesión de espazos publicitarios na radio municipal durante un mes consecutivo para os tres primeiros clasificados. Ademais, inclúe os seguintes premios en metálico: un primeiro premio de 800 euros; un segundo de 600 e un terceiro de 400 euros. En total, o Concello de Ames reparte 1.800 euros para premiar os escaparates mellor engalanados durante a época de Nadal. Os premiados tamén recibirán un diploma acreditativo e unha insignia para poder colocar nos seus establecementos.

Ilusións nos Escaparates
Ademais, dentro da programación desta campaña de Nadal, que organizou a Concellaría de Promoción Económica, desenvolveuse a iniciativa Ilusións nos Escaparates, mediante a que se puxo a disposición dos comerciantes amienses unha ilusión óptica no escaparate do seu establecemento. Os establecementos comerciais que participaron nesta iniciativa foron a Pastelería–bombonería Miguel Ángel, Top Digital -distribuidor autorizado Vodafone- e TNT Tatoo, situados no Milladoiro, e Patagonia, as librerías Boas e Novas e Lenda, e La Cesta Natural, de Bertamiráns.

Servizo de Ludoteca
O Concello de Ames puxo en marcha, un ano máis, o servizo de ludoteca de Nadal por medio da concellaría de Promoción Económica. Este servizo tivo o obxectivo de facilitarlles as compras aos pais e nais amesáns, mentres os seus fillos/as se divertían e aprendían xogando con outros nenos/as. Nesta ocasión foron 161 rapaces e rapazas de entre 2 e 12 anos as que participaron nesta iniciativa. En Bertamiráns participaron un total de 66 nenos/as e no Milladoiro acudiron a este servizo 95 rapaces e rapazas.

Os centros de ocio 'Educalia' de Bertamiráns e 'O Bosque Animado' do Milladoiro foron os encargados de proporcionar este servizo os venres 14, 21 e 28 de decembro, en horario de 16:30 a 20:30 horas, e o sábado 5 de xaneiro, de 11:00 a 14:00 horas. En Bertamiráns os días de maior afluencia foron os venres 21 e 28 de decembro, mentres que no Milladoiro os días de maior afluencia foron o venres 28 de decembro e o sábado 5 de xaneiro.

Unha exitosa campaña de Nadal
O concurso de escaparates, que cumpriu a súa sétima edición, foi unha das iniciativas organizadas pola Concellaría de Promoción Económica durante o pasado Nadal 2012 co fin de incentivar as ventas no sector comercial amiense. O obxectivo da campaña, que tivo un importante éxito, era implicar aos nenos e nenas, xa que son os principais protagonistas das festa de Nadal. Deste xeito, realizáronse unha serie de actividades centradas na ilusión de Nadal, que pretenderon favorecer e incentivar o sector comercial. A través desta iniciativa o que se intentou foi xerar ilusión entre as familias.

Unha das novidades que se incluíron dentro da programación comercial de Nadal foi a exposición de Ilusións ópticas. Foi a primeira vez que se fixo unha mostra deste tipo en Galicia. A exposición, que está creada polo Mago Romarís, conta con máis de 50 ilusións. Ademais dos máis de 1.000 nenos e nenas dos centros escolares que pasaron por esta exposición, preto de 800 persoas visitaron a mostra durante os 15 días que estivo instalada tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Isto dá unha media de 53 visitas por día.

Debullando este datos, pódese dicir que 400 adultos e 1.550 nenos/as acudiron á mostra. Dos 1.550 rapaces e rapazas que viron a exposición, 1.465 tiñan entre 6 e 12 anos e 85 tiñan menos de 6 anos. Os días de maior afluencia foron o 22 e 23 de decembro con 108 e 138 visitas, respectivamente.

A maioría das persoas que acudiron a esta exposición presentaron un ticket dalgún establecemento comercial de Ames por importe de 10 euros. Presentáronse tickets de establecementos tan variados como ferreterías, floristerías, roupa, calzado, supermercados, tendas de informática, estancos, cafeterías, etc. Isto permitía o acceso dunha persoa adulta ou de dous nenos/as de ata 12 anos. Aínda así houbo persoas que pagaron a entrada, que tiña un custo de 2 euros, para poder acceder a mostra.

O primeiro premio recaeu no comercio Milano, situado en Bertamiráns e que obtivo 80 puntos do xurado. O segundo premio foi para a Carnicería Sigueiro, no Milladoiro e que contabilizou 74 puntos, mentres que o terceiro premio recaeu na firma Decoria Estudio, de Bertamiráns e que se fixo con 71 puntos do xurado. O concurso tivo 29 participantes e segundo o xurado o nivel desta edición foi moi alto.

A Concellaría de Promoción Económica fai fincapé, ademais, na calidade e orixinalidade das propostas deseñadas polos diferentes comercios que se presentaron ao Concurso de Escaparates de Nadal 2012. O departamento municipal agradece a participación dos comerciantes e subliña que os tres comercios premiados, que pertencen a tres sectores comerciais moi diferentes, era a primeira vez que se presentaban ao concurso.

O xurado estivo composto polo alcalde de Ames, Santiago Amor; o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar; María Barreiro González, representante da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns; José Manuel Fernández Gómez, representante da Asociación de Comerciantes Palmira Boulebar; Antonia Pinto Veloso, técnica escaparatista, e por Jorge Couñago, técnico municipal do departamento de Promoción Económica que actuou como secretario.

A través deste concurso, o Concello premia un ano máis aos comerciantes comprometidos coa mellora da oferta comercial de Ames e dispostos a renovarse e innovar, mostrando así o compromiso do Goberno municipal por favorecer o desenvolvemento dos comercios amienses.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames premia aos escaparates mellor engalanados no Nadal"