Pestanas principais

Ames pon en marcha a I Carreira-Andaina dos Inocentes a favor de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí

Xoves, 12 de decembro de 2019

A I Carreira-Andaina dos Inocentes celebrarase por primeira vez no Concello de Ames o próximo 28 de decembro, a partir das 18.30 horas, na contorna da praza de Chavián, en Bertamiráns. É unha actividade destinada a todos os públicos. Pódese participar na carreira-andaina cun prezo por dorsal de 6 euros, os cales serán destinados a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Ademais, pódese asistir disfrazo e haberá premios aos mellores disfraces e corredores/as, xunto con agasallos de participación. A inscrición pode formalizarse a través deste enlace, podendo participar en grupo de mínimo 3 integrantes ou individualmente.

A I Carreira-Andaina dos Inocentes 2019 é unha actividade organizada polo Concello de Ames, a través da Concellería de Deportes. Tratase dunha carreira-andaina a pé de aproximadamente 3 quilómetros, con saída e meta dende a praza de Chavián, situada en Bertamiráns, destinada a todos os públicos sen idade mínima de participación. Aínda así, todos os menores de 10 anos deberán ir obrigatoriamente acompañados dun adulto durante a andaina ou carreira.

O prezo do dorsal é de 6 euros. As inscrición pódense realizar na páxina web de Carreiras Galegas. O prazo límite para facelo é o xoves 26 de decembro, ás 23.59 horas. A recollida de dorsais realizarase na secretaría da competición situada na carpa da organización (praza de Chavián- Bertamiráns) o mesmo día da carreira ata media hora antes da proba. No caso de querer facer unha achega comprando o dorsal pero sen participar na carreira-andaina, existe un apartado na mesma páxina web indicado para elo.

As persoas que queiran inscribirse en grupo teñen que poñer o nome do equipo no momento de tramitar a devandita inscrición. Primeiro teñen que facer a inscrición de xeito individual na carreira ou na andaina, e posteriormente (na seguinte pantalla do proceso telemático de inscrición) teñen que poñer o nome do equipo do grupo ao que pertencen. É dicir se tres persoas foron un grupo, as tres deberán inscribirse de xeito individual e poñer o nome do mesmo grupo ao que pertencen.

Desta maneira, a partir das 17.30 horas realizarase a entrega de dorsais e dun agasallo na carpa da organización. Posteriormente ás 18.30 horas, procederase a unha sesión de quecemento en grupo. Será a partir das 18.40 horas cando comeza a I Carreira-Andaina do Inocente, que ten previsto rematar ás 19.30 horas co sorteo de agasallos e a entrega de premios.

Cando se empecen a entregar os dorsais na carpa da organización, procederase tamén á entrega de agasallos por participar na carreira-andaina. Pero non serán os únicos. Haberá premios as/aos 3 primeiras/os chegadas/os a meta, premio aos 3 mellores disfraces de grupo (dun mínimo de 3 integrantes) e premio aos 3 mellores disfraces individuais.

Ao rematar a proba deportiva, todos os/as participantes poderán tomar un chocolate quente cun petisco doce. Nesta actividade colaboran a Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Bulebar; XEA (Xuntanza de Empresarios de Ames); Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro e Centro Comercial Novo Milladoiro.

A onde vai destinada a recadación?
Toda a recadación do día irá destinada a SOGAPS (Solidariedade Galega co Pobo Saharauí), unha organización non gobernamental formada por persoas voluntarias que adican parte do seu tempo en colaborar na axuda ao pobo saharauí, como da poboación residente no Sáhara Occidental ocupada por Marrocos.

O obxectivo desta asociación é dar resposta ás necesidades de planificación e mellora na xestión e execución da axuda humanitaria dirixida aos refuxiados saharauís que se da en Galicia a petición e coordinación da Delegación Saharauí para Galicia. Para máis información pódese consultar a súa páxina web.

 

Novas relacionadas:

Lindeiros: "Ames organiza unha Carreira dos Inocentes a favor de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí"

Cartel da carreira-andaina dos inocentes

Multimedia

  • Cartel da carreira-andaina dos inocentes