[02-06-2016] O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, compareceu esta mañá en rolda de prensa para presentar a campaña do departamento de Urbanismo denominada “Faite Legal”. A través desta iniciativa trátase de informar á cidadanía que cada vez que se executa unha actuación, aínda que pareza que é moi sinxela, é necesario pedir licenza ou facer unha comunicación previa, dependendo se é unha obra maior ou menor. Esta campaña ponse en marcha trala aprobación da nova Lei do solo de Galicia, que fixa unha serie de accións a desenvolver para protexer a legalidade urbanística na zona rural (terreos rústicos).

En 2015 abríronse preto de 80 expediente urbanísticos
Por outra banda, o concelleiro de Urbanismo tamén indicou que as infraccións urbanísticas levan aparelladas a mobilización de moito persoal municipal o que supón unha carga de traballo para este departamento. Por exemplo, por un expediente de infracción urbanísticas teñen que actuar o vixiante de obras, a Policía Local, o aparellador/a e o asesor/a xurídico.
Durante o ano 2015 abríronse preto de 80 expediente e no que levamos de 2016 elaboráronse arredor de 50, que implicaron a elaboración duns 100 informes técnicos. Dende o ano 2013 realizáronse 330 informes técnicos e 220 resolucións de Alcaldía. “Non hai un elevado número de expedientes abertos, polo que esta situación consideramos que se pode corrixir. Entre un 65% e un 70% dos expedientes abertos son por obras menores, polo que iso poderíase solucionar, en moitos caos, tan só facendo unha comunicación previa de obra e axuntando un pequeno proxecto da devandita obra”, apunta Blas García.
O goberno municipal vai a difundir esta campaña a través de tres vías principalmente: difusión na web municipal e nas redes sociais do Concello, a colocación de carteis nos taboleiros municipais que están colocados nos núcleos urbanos e nas parroquias; e a través dun reparto postal nos buzóns da veciñanza amesá.

A través desta campaña trátase de concienciar aos veciños e veciñas que realicen obras de xeito legal en tres casos fundamentalmente, xa que son os ámbitos urbanísticos nos que máis expedientes de disciplina urbanística se abren. Estes casos son os de construción de galpóns; a execución de piscinas privadas; e a realización de peches arredor das vivendas particulares. Blas García apunta que “se trata dunha campaña en positivo na que se anima á veciñanza a que execute as súas obras de xeito legal e solicitando o permiso pertinente en cada caso. Ademais, as persoas que fixeran obras e que estean de forma irregular deben legalizalas”.
Nesta presentación explicouse que as infracción urbanísticas son aquelas que implican actuacións sen licenza, sen comunicación previa de obras ou sen axustarse ás condicións sinaladas nelas. As accións e omisións constitutivas de infraccións urbanísticas poden ocasionar a imposición de sancións ás persoas responsables, que son aqueles propietarios de terreos promotores de obras, promotores de terreos ou empresarios das obras, técnicos redactores do proxecto e directores das obras.
Sobre este asunto o concelleiro de Urbanismo aclara que “coa posta en marcha desta campaña non quere dicir que vaiamos a comezar a sancionar ás persoas que non cumpran coa legalidade urbanística Non é unha campaña recadatoria, senón que é informativa. O que queremos é que a xente sexa responsable e saiba o que pode pasar ao non cumprir a lei”. A veciñanza debe saber que as infraccións urbanísticas levan aparelladas unhas consecuencias que se recollen nunhas medidas cautelares (paralización e precintado, suspensión da actividade...). Outras consecuencias son o inicio dun expediente de reposición da legalidade urbanística ou a imposición de multas coercitivas.
Blas García tamén destacou que “ata o de agora o que se ven facendo é darlle a oportunidade a xente de legalizar unha obra que está executando fóra da lei. Isto faise a través dun expediente de reposición da legalidade. Pero o que non nos gusta e crear discriminacións entre os veciños de Ames. Queremos que todos cumpran a lei existente e que as obras que se realizan se fagan cumprindo unhas normas e criterios mínimos”.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames anima a los vecinos a regularizar obras menores para evitar sanciones"
El Correo Gallego: "Campaña para que toda obra amiense incorpore un permiso"




