[06-04-2016] O pasado mes o Concello de Ames recibiu unha notificación da Subdirección Xeral de Coordinación e Xestión da Axencia Tributaria na que se comunica que se debe proceder ao reintegro parcial da achega concedida no marco da subvención do Plan Avanza. A cantidade a devolver é de 260.992,31 euros e deducirase das transferencias mensuais que percibe o Concello en concepto de participación nos tributos do Estado.
O motivo polo que haberá que devolver eses cartos foi que o anterior goberno, por atraso na tramitación do expediente, non abonou a factura correspondente a estes gastos dentro do prazo establecido, quedando por tanto excluída do financiamento. O Concello de Ames recibida esta notificación vese na obriga de aprobar este reintegro parcial da achega recibida, de acordo coa resolución ditada pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información de data 6 de febreiro de 2015.
O Plan Avanza foi una subvención solicitada e concedida no ano 2009 e que ascendía a máis de medio millón de euros. O obxectivo da mesma era a implantación da administración electrónica no Concello de Ames. Durante os anos 2009-2011 púxose en marcha o proxecto Tramit@mes a partires dos fondos de dita subvención.
Con este proxecto iniciouse un estudio pormenorizado para coñecer os trámites e procedementos que se poñerían a disposición dos veciños e veciñas de Ames. Antes das eleccións de 2011 quedaron redactados os pregos da licitación de ditos procedementos e nunha primeira fase levouse a cabo a implantación dun número de procedementos e a adecuación da administración aos procesos electrónicos.
Nunha segunda fase, xa na etapa do goberno popular, e logo dalgunhas modificacións, levouse a cabo a contratación da empresa IECISA para a súa implantación e formación de 35 procedementos abertos á cidadanía, polo importe de 175.044,50 euros. A sinatura deste novo contrato foi en setembro de 2012.
En data de 2 de xaneiro de 2013 a empresa que realizou os traballos presentou no Concello polo rexistro a factura, pero non foi ata o 23 de marzo cando se xustificou e presentou dita factura no Ministerio. A data límite de xustificación da subvención era o 28 de febreiro de 2013 e polo tanto o Concello incumpriu durante un mes a xustificación pertinente.
Comunicación do incumprimento
A Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información comunicou este incumprimento con resolución parcial o pasado 16 de febreiro de 2015 e as alegacións presentadas polo goberno popular foron desestimadas o que provoca a perda destes cartos na actualidade. Como consecuencia deste incumprimento agora o Concello vese na obriga de devolver estes cartos a través das deducións das transferencias mensuais que percibe o Concello de Ames.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, manifesta que “como consecuencia dunha mala xestión do anterior goberno, agora temos que devolver os 260.992,31 euros, sendo o motivo principal o atraso na tramitación do expediente que fixo que a xustificación do proxecto non entrase no prazo establecido”.
A cantidade a devolver da subvención é de 207.806,08 euros, importe que se ve incrementado polos intereses de demora que ascenden a 53.186,23 euros, sumando un importe total de 260.992,31 euros.
Para o alcalde de Ames, José Miñones, “este novo atranco que ten que asumir o actual goberno amosa a falta total de xestión e control que se facía na etapa anterior e creo que os feitos falan por si mesmos. Ademais os argumentos esgrimidos polo anterior goberno popular sobre o cambio da persoa responsable do seguimento do contrato e a nova delegación noutro concelleiro son unha clara constatación duns feitos denunciados no seu día dende a oposición sobre a escisión de goberno”.
Genma Otero tamén incide en que “xa non é a primeira vez que este goberno ten que soportar gastos e compromisos dunha importante contía que corresponden a xestións realizadas polo goberno do Partido Popular, como os 400.000 euros que tivo que pagar o pasado mes de xaneiro o Concello de Ames da totalidade das anualidades correspondente á construción da nova ETAP”.
Contido relacionado

La Voz de Galicia:"El Concello debe devolver 261.000 euros de una ayuda estatal del 2015 justificada fuera de plazo"
El Correo Gallego:"Achacan a retrasos del PP la devolución de 261.000 euros"




